Presidente da Federación Galega de Deporte Adaptado

Marcos Casal: "A visibilidade que se lle dá ao deporte adaptado está moi por detrás da que ten o fútbol"

Marcos Casal (Pontevedra, 1974) leva desde 2015 á fronte da Federación Galega de Deporte Adaptado, case unha década na que tivo que afrontar non só o reto que supuxo a pandemia, que apartou da actividade a "colectivos enteiros", como as persoas con parálise cerebral, senón tamén o de ampliar a visibilidade dos e das súas atletas. 
 
O pontevedrés salienta a recuperación no número de deportistas. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O pontevedrés salienta a recuperación no número de deportistas. (Foto: Nós Diario).

Chega en 2015 á presidencia dunha Federación Galega de Deporte Adaptado que naceu nese momento froito da fusión da Federación Galega de Deportes de Persoas con Discapacidade Física e a Federación Galega de  Deportes para Discapacitados Intelectuais. Quizais a gran eiva do deporte adaptado, tanto daquela como na actualidade, é a súa falta de visibilidade. Albiscou algunha evolución nesta década?
A visibilidade que se lle dá ao deporte adaptado está moi por detrás da que ten o fútbol ou calquera outro deporte maioritario deses que 'venden', por dicilo así. Nós, nestes 10 anos, medramos en canto a deportistas, actividades... pero no referente á visibilidade mantémonos. De cando en cando alguén, coma ti, fala de nós, ou se dirixe a nós para facernos unha entrevista ou reportaxe, pero a cousa non pasa de aí.

A que cre que se debe esa situación de estancamento no referente á visibilidade? 
É complexo. O que máis vende son os deportes maioritarios, porque son os que moven os cartos, e nós non temos esa capacidade.

Botando de novo a vista atrás, a ese ano 2015, como foi o proceso de dirixir e facer crecer esa nova entidade xurdida da fusión?
Ese proceso de fusión promoveuse desde a Secretaría Xeral para o Deporte. Isto cólleme a min no medio, como afeccionado ao deporte, nada máis, e mentres sigo evolucionando na miña carreira persoal, pois son psicólogo e traballo nun centro de Educación Especial, desenvolvo esta parte deportiva no eido da discapacidade. 

Aquí intentamos retomar a actividade da Federación Galega de Xordos, que deixara de existir uns anos atrás; pasamos a traballar coa de Parálise Cerebral, que estaba funcionando coa Federación estatal pero non cunha galega; e a día de hoxe, cos altos e baixos pandémicos, que os sufrimos, estamos retomando a actividade con eses catro colectivos: discapacidade física, intelectual, xordeira e parálise cerebral. Queda pendente a discapacidade visual, que hai un convenio pendente de firmar para valorar se podemos unirnos para realizar deporte xuntos. 

Neste sentido, hai preto dun ano o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, sinalaba nun acto co tirador Marcos Mosteiro logo de que este gañase o Campionato de España que estaba estudando a posibilidade de incluír os deportistas invidentes na Federación Galega de Deporte Adaptado. Houbo algún progreso?
Hai varios deportistas que teñen esa discapacidade visual que chamaron á porta da nosa Federación porque queren facer deporte. Entón, nós puxémonos en contacto coa Estatal porque descoñecíamos a razón pola cal a discapacidade visual quedou fóra da unión, e dixéronnos que á ONCE, como ten moitos recursos, naquel momento non lle interesaba. A raíz do que comentas, temos unha reunión coa Federación estatal e un representante da ONCE na Galiza, e puxemos enriba da mesa un convenio que está pendente de asinar para cadrar as contas que suporían para nós ese maior volume de deportistas que viría á nosa Federación e que significaría un incremento dos costes. 

Con cantas licenzas conta a FGDA a día de hoxe?
Arredor de 500 de entre os distintos colectivos. Deles, o de discapacidade intelectual, que é o noso punto forte, comeza a competir agora en xaneiro; os outros xa levan facéndoo desde setembro. Pero o importante é que estamos remontando a gran baixada que nos supuxo a pandemia, na que desapareceron do mapa colectivos enteiros, como o de parálise cerebral ou o de xordos.

Un 2024 marcado polos Xogos de París

Graduado en Educación Especial e licenciado en Psicoloxía, o máximo responsábel da Federación Galega de Deporte Adaptado móstrase moi ilusionado ante un 2024 que será ano de Xogos Paralímpicos.

Para viaxar até alí xa ten boleto o tirador Juan Saavedra, e prometen seguir os seus pasos "nadadores e atletas que teñen posibilidades".

Ademais, Marcos Casal salienta que a súa meta no actual exercicio é "manter e ampliar" o feito en 2023: "Nesta ocasión organizamos 38 campionatos, e algúns deles son xa clásicos. O de tenis de mesa alcanza a súa vixésimo cuarta edición, o de natación a vixésimo oitava... é un traballo fabuloso que se fai desde a dirección deportiva". Sobre as disciplinas máis populares, salienta "todas as de discapacidade intelectual", pois "as súas licenzas son multidisciplinares", destacando entre elas "fútbol, natación ou atletismo". 

Comentarios