Meaño coroa Gharaboto mentres Fari e María Caride gañan en individuais

A última xornada da Liga Atlántica de Billarda, Rías Baixas tivo lugar en Meaño (O Salnés). Xan e Bego seguen liderando a clasificación xeral.
Lu, de lúa de Forza (Foto: LNB).
photo_camera Lu, de lúa de Forza (Foto: LNB).

A décima xornada da Liga Atlántica de Billarda, Rías Baixas, chegou ao Salnés para disputarse no campo de fútbol da Toxa, en Meaño. Desta vez houbo puntuacións elevadas e, dos seis primeiros clasificados, case todos chegaron ou pasaron dos 20 puntos.

Así, os xogadores da zona alta mostraron a súa calidade e non houbo moitas diferenzas entre os participantes. 

Fari, de Corredoiras Bueu, gañou a xornada, e Carolo, de Lúa de Forza Sanxenxo, foi segundo. En categoría feminina, gañou María Caride, de Gharaboto, quedando segunda Bego, de Corredoiras. En categoría infantil, venceu Hugo, de Gharaboto, e segundo foi Xián, de Lúa de Forza.

En categoría equipos, foi primeiro Gharaboto, segundo Lúa de Forza e terceiro Corredoiras. En equipos femininos, venceu Gharaboto F, segundo foi Valpaços F e terceiro Lúa de Forza F. Como novidade, viaxaron desta vez Os Cochiqueiros, de Cerceda (comarca de Ordes), con Silvia e Berdi cunha aceptábel participación.

Gharaboto e Corredoiras

Na clasificación xeral, as individuais quedan cunha marxe de distancia que non permite asegurar, nin predicir o título, en ningunha delas. Desta maneira, o liderado na individual absoluta está en mans de Álvaro, de Gharaboto, cun punto por enriba de Xan, de Lúa.

Porén, en todo caso, o título vai estar entre estes dous xogadores. Bego, de Corredoiras, está un punto por diante de Tania, de Valpaços, na individual feminina. O título vaise decidir tamén entre elas dúas, pois María está 27 puntos do primeiro posto.

Xián lévalle 12 puntos a Hugo, de Gharaboto. O título, neste caso, xa só está ao alcance de algún destes dous palanadores.

Comentarios