Centenario do Celta

Dos prematuros Sansón e Manolo aos veteranos Salinas, Cáceres e Berizzo: quen foi o mellor central do Celta?

Sansón debutou en Primeira con pouco máis de 15 anos e foi, até xuño de 2020, o futbolista máis novo en se estrear na elite. E Manolo, o 'Gran Capitán', vestiu por vez primeira a celeste con aínda 18 anos. Deles pasamos a outros que se formaron fóra da Madroa e chegaron a Balaídos para aportar veteranía ao Celta como Patxi Salinas, Fernando Cáceres ou Eduardo Berizzo.

Para ti, quen foi o mellor defensa central da historia do Celta? Vota na nosa enquisa diaria para elixir o 'XI dos cen anos'!

Unha pequena escolma de defensas centrais do Celta.
photo_camera Unha pequena escolma de defensas centrais do Celta.

O Real Club Celta vén de fechar a fichaxe do sueco Carl Starfelt para reforzar a liña defensiva de cara á tempada do centenario. Súmase así a Joseph Aidoo, Unai Núñez e Carlos Domínguez nunha demarcación que nos últimos anos máis crebaduras de cabeza ocasionou ao clube. A mesma, con todo, que ten tamén varios nomes propios desde 1923, moitos deles aínda lembrados con especial agarimo en Balaídos.

Comezamos esta pequena escolma para que as lectoras e lectores de Nós Diario elixan o 'XI dos cen anos' cun home que se estreou na Liga dunha forma inmellorábel, facendo historia nada máis pisar o céspede. Falamos, como non podía ser doutro modo, de Francisco Bao Rodríguez Sansón, que debutou o 31 de decembro de 1939 na Primeira División ante o Sevilla con só 15 anos e 255 días de idade, tornando así no máis novo da historia... até que en 2020, por só 36 días de diferenza, foi superado por Luka Romero, do Mallorca. Aquel primeiro partido de Sansón saldouse con triunfo celeste en terras andaluzas por 1-4 e, tras el, chegaron outro medio cento de partidos vestindo a camiseta do Celta ao longo de sete tempadas, en dous períodos: de 1939 a 1941 e de 1950 a 1955. Naqueles anos a Liga tivo entre 12 e 16 equipos, polo que as xornadas a disputar eran menos que na actualidade.

Avanzamos unha década para chegarmos ao 'Gran Capitán', Manolo Rodríguez, un One Club Man que vestiu a celeste co primeiro equipo durante nada menos que 16 tempadas, o que lle outorga aínda a día de hoxe a honra de ser o futbolista con máis partidos no Celta ás súas costas: 533, un récord moi difícil de superar que, após a retirada de Hugo Mallo, terceiro nesta carreira con 449 encontros, só queda ao alcance de Iago Aspas, o segundo clasificado, con 457. Manolo marcou un total de 22 goles, debutou en 1966 e non se moveu do céspede de Balaídos até que en 1982 foi despedido con honores nun amigábel fronte á selección de Polonia ao que asistiron máis de 30.000 persoas.

E de Manolo pasamos ao que poderiamos denominar un Two Club Man, pois Patxi Salinas só vestiu dúas elásticas ao longo doutros 16 anos de traxectoria profesional, a do Athletic Club e a do Real Club Celta, dous clubes que deixaron nel unha forte pegada, e viceversa. O central vasco chegou a Vigo en 1992 para pór orde e liderar a defensa dun equipo que acababa de recuperar a categoría e ficou na cidade olívica até o curso 1997-98. Seis tempadas nas que disputou 193 partidos e anotou catro goles e nas que se enfrontou en máis dunha ocasión ao seu irmán, Julio, defendendo as cores do Barça, o Sporting de Xixón e mesmo o Deportivo da Coruña.

Marchou Patxi Salinas no verán de 1998 e, deseguido, chegou para substituílo un arxentino, Fernando Cáceres, que deixou en Balaídos uns rexistros moi semellantes aos do vasco: seis tempadas, un total de 198 encontros e tres goles en Liga, alén doutros dous tantos en Copa, outro na UEFA e un máis na Intertoto. Foi tamén parte do histórico equipo que disputou por primeira —e, até o momento, única— vez a Liga dos Campións, na 2003-04. En 2009 foi tristemente noticia por ser vítima dun atraco no que acabou recibindo un disparo na cabeza que a piques estivo de custarlle a vida.

E, canda Cáceres, salientamos outro arxentino que é tamén historia viva do Real Club Celta: Eduardo Toto Berizzo, o único capaz en cen anos de historia de xogar en Europa primeiro como futbolista e despois como adestrador. Chegou a Vigo no mercado invernal de 2001 e vestiu a celeste durante catro tempadas e media, até o curso 2004-05, en Segunda, que rematou cun novo ascenso á máxima categoría. Foi outra peza fundamental na última etapa do 'EuroCelta' e disputou 129 partidos nos que marcou oito goles.

Para ti, quen foi o mellor defensa central da historia do Celta? Vota na nosa enquisa!

Comentarios