Motociclismo

O motorista Jorge Prado regresa a casa para ser profeta na súa terra

Tratará de sacar a espiña e ser profeta na súa terra no circuíto que leva o seu nome, que aproveitará a súa presenza para homenaxealo.
Jorge Prado é o actual campión da categoría raíña do Motocros. (Foto: RTVE).
photo_camera Jorge Prado é o actual campión da categoría raíña do Motocros. (Foto: RTVE).

O Circuíto Municipal Jorge Prado de Lugo volverá ser sede dunha proba do Campionato de España de Motocrós da categoría elite, un certame que se desenvolverá ao longo desta fin de semana, concretamente os días 24 (sábado) e 25 (domingo). 

A dúas semanas vista de que arranquen os motores do Mundial na Arxentina, e tras o éxito da edición do 2023, o tándem organizador -formado polo Club Moto Park Lugo e a empresa Lastlap, que tamén está detrás do Gran Premio de España- asumiu de novo a configuración do evento.

Para a mesma foi "fundamental", destacan, a colaboración das distintas Administracións Públicas: Concello de Lugo, Deputación de Lugo e Xunta da Galiza, "que non tiveron dúbidas á hora de sumarse e facer posíbel este evento que se saldou cun rotundo éxito deportivo e organizativo".

Esta carreira, a segunda da tempada, constará de competicións nas tres clases superiores do Campionato (MX1, MX2 e 125 cc), e, igual que aconteceu o ano pasado, estarán na grella os mellores pilotos internacionais e do Estado, entre os que destaca o ídolo local, Jorge Prado.

Após rematar en segunda posición en 2023, por detrás de Rubén Fernández, tratará de sacar a espiña e ser profeta na súa terra no circuíto que leva o seu nome, que aproveitará a súa presenza para homenaxealo.

Prado será agasallado polos seus paisanos e paisanas para celebrar a coroa da categoría raíña que conquistou o pasado mes de setembro e para animalo de cara ao comezo dunha nova edición do Mundial no que lucirá o numero '1' na súa motocicleta Gas Gas.

Ademais, está será a única carreira de pre tempada na que participe Jorge, quen deberá concentrar tanto a súa preparación como os test técnicos ao longo dun mes e medio, unha vez concluída a súa breve aventura americana no AMA Supercrós. De alí volveu cun meritorio 'Top-10' na clasificación xeral pese a non estar familiarizado cuns percorridos moi degradados polas chuvias.

Comentarios