Fútbol

O Nadal adiántase en Vilagarcía: estes serán os rivais dos seis equipos galegos na Copa

O Arousa recibirá o Valencia na Lomba após superar a primeira rolda pola aliñación indebida doutro equipo de Primeira, o Granada.
O fútbol de Primeira División regresará ao campo da Lomba co gallo do Arousa-Valencia. (Foto: Arousa SC)
photo_camera O fútbol de Primeira División regresará ao campo da Lomba co gallo do Arousa-Valencia. (Foto: Arousa SC)

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) levou a cabo esta cuarta feira o sorteo da segunda rolda da Copa do Rei na súa sede nas Rozas (Madrid), polo que os seis conxuntos da Galiza que entraron no bombo xa coñecen os seus respectivos rivais. Pese a que había opcións de que, nun capricho do destino, a sorte enfrontase algunhas das formacións galegas -co especial morbo dun Dépor-Celta que non se disputa desde hai máis de cinco anos-, finalmente non haberá duelos fratricidas nesta fase de trintaedousavos de final.

A man inocente de Diego Capel, futbolista do Sevilla xa retirado que no seu momento de apoxeo a prensa andaluza chegou a comparar con Messi e Cristiano, foi a encargada de dar o pistoletazo de saída ao sorteo, retirando en terceiro lugar a bola dunha Arousa Sociedade Cultural que só podía xogar -na Lomba, por suposto- contra un Primeira, recibindo como premio gordo un dos grandes, o Valencia.

Aínda que algo vido a menos nas últimas tempadas, a alegría foi total na localidade do Salnés por recibir os levantinos, estando de celebración por partida dupla, pois momentos antes a directiva do conxunto arlequinado recibiu a noticia de que o Comité de Apelación da RFEF desestimaba o recurso presentado polo Granada -o seu rival na primeira fase- contra a súa eliminación do torneo por aliñación indebida do porteiro.

O segundo galego en coñecer contrincante foi o Celta. Descartado o derbi co Arousa, un a un foron saíndo as bolas dos equipos da máxima categoría até restar unicamente a do Celta, que terá un adversario da Primeira Federación, o Sestao River. Este choque é de grato recordo para os celestes, pois no ano 1987 obtiveron no mesmo campo das Llanas onde disputarán este encontro copeiro o regreso a unha Primeira División que abandonara un ano antes.

Menos fácil o terá o Rácing de Ferrol. A revelación da Segunda xogará na Malata contra o Leganés, o intratábel líder da categoría de prata, nun combate que se reeditará apenas dez días máis tarde do que levarán a cabo na competición da regularidade.

Finalmente, os tres galegos da Primeira Federación tiveron sorte dispar. Lugo e Arenteiro protagonizarán un duplo duelo galego-burgalés ante o Mirandés e o Burgos, respectivamente, dous equipos da zona media-baixa de Segunda División que parten como teóricos favoritos.

Con respecto ao Deportivo, a entidade herculina terá a oportunidade de vingar a eliminación da Sociedade Deportiva Compostela, pois acollerá en Riazor o seu verdugo, o Club Deportivo Tenerife, nun partido que, igual que o resto, terá lugar entre os días 5, 6 e 7 de decembro, aproveitando a ponte festiva.

Comentarios