Baloncesto | ACB

A PREVIA | Primeiro asalto do Obradoiro pola salvación

A escuadra capitolina, obrigada a gañar na visita ao pavillón dun Palencia xa descendido.
O transcendental encontro terá lugar no coliseo municipal da localidade castelá a partir das 19 horas de hoxe. (Foto: Liga ACB).
photo_camera O transcendental encontro terá lugar no coliseo municipal da localidade castelá a partir das 19 horas de hoxe. (Foto: Liga ACB).

A Galiza contou esta tempada 2023/24 con dous representantes na Liga ACB, a máxima categoría do baloncesto masculino estatal, Monbus Obradoiro e Leite Río Breogán, unha cifra que podería ascender a tres se o Básquet A Coruña, primeiro clasificado da LEB Ouro e gran favorito para o ascenso, certifica a súa condición no seu choque desta sexta feira.

Non obstante, para iso deberán manterse na elite tanto composteláns como lucenses, dous dos tres implicados nunha batalla por evitar o descenso que tamén atinxe a Covirán Granada.

Actualmente, e a falta de tan só dúas xornadas para que baixe o pano na ACB, o conxunto capitalino sería o que baixaría á LEB Ouro, pois está empatado a nove triunfos cunha formación andaluza coa que ten perdido o basketaverage particular, mentres que a da cidade da Muralla ten un colchón dunha vitoria (suma 10) sobre os seus rivais directos e certificaría a permanencia gañando na sexta feira ao Andorra.

O primeiro capítulo desta batalla en dúas fases -os derradeiros e decisivos encontros están programados para o domingo, 12 de maio- escribirase esta quinta feira a partir das 19 horas, cando o Obradoiro visite o Pavillón Municipal de Palencia para enfrontarse cun Zunder que xa está descendido matematicamente ao ser quen de imporse en unicamente seis ocasións.

Este factor, unido ao positivo resultado que obtivo no seu duelo da primeira volta, cando os galegos pasaron por enriba dos casteláns sen pasar ningún tipo de apuros (84-64), convida a que en Santiago se mire con optimismo a un choque no que unha derrota podería convertelos en equipo de LEB Ouro se o Granada vence a Casademont Zaragoza na capital aragonesa na sexta feira ás 20.30 horas.

Con todo, o preparador do Obra, Moncho Fernández, non se confía: "Agardo un Palencia que, pese a estar xa descendido, demostrou que sabe competir moito e ben en todos os partidos, e a mellor mostra é a vitoria que conseguiu en Bilbao a pasada fin de semana".

Para iso, remarcou o técnico, "os xogadores teñen que estar concienciados para sacar adiante o reto que temos, con intensidade, desexo e ganas".   

Comentarios