Dous importantes campionatos de pista curta farán as delicias do público que decida achegarse ao longo desta fin de semana ao recinto de Expourense.
Así, durante o sábado e o domingo a afección terá a oportunidade de presenciar o Campionato Xunta da Galiza de Combinadas Sub-16, Sub-18 e Sub-23, no que tomarán parte medio cento de atletas.
No mesmo destaca a participación das campioas galegas Andrea Reija, na Sub-23, e Carla Allegue, na Sub-16. Xunto con elas estarán as tamén medallistas Victora Pampillón na categoría Sub-16, así como Paco Lamas e Tesfayé Chao na Sub-18
A outra das citas da fin de semana corresponde ao Campionato Xunta de Galiza Sub-23, no que brilla a presenza da campioa da pasada edición, Andrea Villaverde, quen aspira a revalidar os seus tres títulos, logrados nas probas de lonxitude, altura e 60 metros valos
Pola súa parte, María Fernández intentará facer o propio nas distancias dos 400 e os 800 metros, Nerea Fernández en pértega e a lanzadora internacional Xiana Lago en peso, entre outras estrelas que completan o cartel de participantes mais salientábeis nesta edición 2024.
A modalidade masculina tamén contará cunha destacada relación de atletas, entre os que se atopan o campión galego dos 3.000 metros, Hugo García; Martín Míguez nos 1.500 metros lisos; Tomás López en pértega; Raúl Cortizo en lonxitude e Samuel Lema en peso.
Pola súa parte, xunto ao Galego Sub-23, desenvolverase paralelamente na tarde do domingo a proba dos 3.000 metros na categoría absoluta. O internacional El Mehdi El Nabaoui parte como un dos favoritos nunha carreira na que tanto Pablo Bocelo como Carlos Porto serán atletas a ter moi en conta nos homes e Emma Méndez e Uxía Pérez nas mulleres.