A OPEP (Organización de Países Exportadores de Petróleo) é un cartel que produce por volta dun terzo do petróleo mundial. Por vez primeira desde 2008, o pasado mes de setembro, acordou reducir a súa capacidade extractiva. A tesourada será da orde de 1,2 millóns de barrís. Países non membros do cartel, entre eles Rusia, acordaron unirse a esta estratexia e reducirán por volta de 558 mil barrís diarios. En total, 1,7 millóns menos ao día.
O impacto na cotización do barril brent non se deixou esperar: pasou dos 46 dólares aos que se vendía o pasado mes de novembro aos 56 aos que se podía adquirir no mercado a pasada sexta feira.
A alza do petróleo resultará no ascenso dos prezos dos combustíbeis e, consecuentemente, ralentizará a marcha da economía nos países dependentes, entre eles a Galiza.
A OPEP fórmana 14 estados membros. Entre eles áchase un país lusófono, Angola, que en agosto pasado desprazou Nixeria como o principal produtor de petróleo africano, con 1,7 millóns de barril/día. Angola é neste momento o principal fornecedor de cru de China, por diante de Arabia Saudita e Rusia.