42,5% do consumo de enerxía debe ser de orixe renovábel para 2030, un obxectivo que Galiza supera desde 2020

A industria deberá incrementar o uso de enerxías 'verdes' anualmente en 1,6%, co fin de que até 42% do hidróxeno proveña de combustíbeis renovábeis para 2030, e 60% para 2035.
Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense. (Fotos: Agostime / Europa Press).
photo_camera Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense. (Fotos: Agostime / Europa Press)

Os Estados da Unión Europea referendaron na segunda feira elevar a cota de enerxías renovábeis no consumo total da UE de 32% a 42,5% para 2030, cun complemento indicativo adicional de 2,5% que permitirá alcanzar 45%, a cifra que defenden países como España. O Consello ratificou así o obxectivo que xa acordaran no Parlamento Europeo no mes marzo e que confirmaron o pasado 12 de setembro. Agora que a directiva foi adoptada formalmente, publicarase no Diario Oficial da UE e entrará en vigor 20 días despois, mentres que os Estados membros disporán de 18 meses para incorporala á súa lexislación nacional.

A ministra española de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, asegurou que "é un paso adiante que contribuirá a alcanzar os obxectivos climáticos da UE de maneira xusta, rendíbel e competitiva". Nesta dirección, a proposta pactada decreta que a industria deberá incrementar o uso de enerxías 'verdes' anualmente en 1,6%, co fin de que até 42% do hidróxeno proveña de combustíbeis renovábeis para 2030, e 60% para 2035.

A porcentaxe de consumo de enerxía renovábel durante o ano 2020 a nivel galego, con respecto ao total da empregada, foi de 46,2%, segundo o informe Balance Enerxético da Galiza, 2020, do Instituto Enerxético da Galiza (Inega). Desta maneira, constátase que a Galiza cumpre, xa desde o pasado ano 2020, co novo obxectivo de consumo de enerxías renovábeis que se marca a Unión Europea (UE) para 2030.

A Galiza xerou 6.295.883 MW/h de orixe renovábel no primeiro trimestre de 2023. As enerxías limpas representaron 81,8% do total da produción eléctrica galega, destacando 3.117.202 megawatts de tecnoloxía hidráulica, 3.052.310 megawatts de procedencia eólica e 126.371 megawatts doutras fontes renovábeis. Asemade, foi significativo o incremento da electricidade de orixe renovábel en referencia ao primeiro trimestre de 2022.

Suficiencia eléctrica

O consumo de electricidade na Galiza no primeiro trimestre de 2023 colocouse en 3.524.306 MW/h, o que representa 55,9% do total da produción renovábel. Desta maneira, aséntase a tendencia da suficiencia eléctrica da Galiza en base ás enerxías limpas e aos avances en materia de descarbonización, que a sitúan á cabeza do proceso de transición enerxética no Estado. A produción galega de orixe renovábel vén superando as necesidades de consumo eléctrico da Galiza desde o exercicio de 2020.

Comentarios