Aprovéitase a automoción galega da crise en Alemaña? O sector medra na Galiza nun contexto de incerteza nas factorías xermanas

Mentres a incerteza medra na automoción xermana, o sector experimenta un incremento do seu superávit comercial tanto na Galiza como no Estado español. A venda de vehículos, clave na zona de Vigo e na súa contorna, medra nun contexto de crise en Alemaña.
O ministro de Economía de Alemaña, Robert Habeck, esta sexta feira nunha visita á factoría de Volkswagen en Emden. (Foto: Bundesministerium für Wirtschaft und Klimaschutz)
photo_camera O ministro de Economía de Alemaña, Robert Habeck, esta sexta feira nunha visita á factoría de Volkswagen en Emden. (Foto: Bundesministerium für Wirtschaft und Klimaschutz)

O superávit comercial da industria galega da automoción, isto é, a diferenza entre exportacións e importacións, situouse nos 3.060,5 millóns de euros entre xaneiro e xullo de 2024, o que supón un incremento de 25,5% en comparación cos 2.438,4 millóns de euros rexistrados durante os primeiros sete meses de 2023, de acordo cos datos do Informe Mensual de Comercio Exterior.

Con todo, o aumento do superávit comercial ficou a un nivel máis baixo que o experimentado no conxunto do Estado español, onde a industria da automoción mellorou 28% o seu saldo entre vendas e compras ao exterior.

Deste modo, na Galiza, as exportacións durante os sete primeiros meses do ano alcanzaron os 3.873,8 millóns de euros, o que se traduce nunha repunta interanual de 10,5% (cunha suba de 0,4% a nivel estatal). Mentres tanto, as importacións quedaron nos 813,3 millóns de euros, isto é, 23,7 % menos en comparación co mesmo período do ano 2023 (cun descenso de 3,8% no conxunto do Estado español). 

Así mesmo, o superávit comercial do sector do automóbil galego só no mes de xullo situouse nos 434,8 millóns de euros, máis que duplicando (+116,4%) os 200,9 millóns rexistrados o mesmo mes de 2023. Con todo, o ritmo de suba no conxunto do Estado foi maior (+129,33%). 

Ademais, no sétimo mes do ano, as exportacións de vehículos supuxeron 528,5 millóns de euros, cunha repunta de 26,8% interanual (-4,4% no Estado). Pola súa parte, as importacións  da automoción en xullo foron de 93,8 millóns de euros, 19,9% menores que no mesmo período de 2023 (-13,2% a nivel estatal).

O peso do sector

A industria da automoción ten un peso fundamental na estrutura económica e comercial da Galiza, como proba o feito de que as exportacións do sector do automóbil nos primeiros sete meses do ano supuxeron 21,5% do total das vendas do conxunto dos sectores económicos (14,2% a nivel estatal). Pola súa parte, nas importacións representaron 6,7% do total (10,9% no Estado).

Estes datos indican como o automóbil ten un peso maior na Galiza que no Estado con respecto ás vendas ao exterior, mentres que acontece o contrario no caso das compras. Neste sentido, unicamente durante xullo de 2024, as exportacións do sector da automoción supuxeron 21,1% do total exportado polos sectores económicos (12,5% no Estado español) e 5,4% das importacións (9,7% a nivel estatal).

A automoción rexistrou 21,5% das exportacións totais da Galiza

As cifras ofrecidas tamén permiten concluír que 12% das exportacións do sector da automoción estatal proviñeron das fábricas sitas na Galiza entre xaneiro e xullo de 2024. Desta maneira, máis de un de cada 10 vehículos de fabricación estatal vendidos no exterior foron producidos nas factorías galegas. Pola contra, nos primeiros sete meses deste ano, tan só 3% dos vehículos importados no Estado español chegaron a Galiza.

O peso da industria da automoción galega está concentrado en Vigo e na súa contorna, como demostra o informe. Así, as exportacións de vehículos entre xaneiro e xullo na circunscrición de Pontevedra foron de 3.801,3 millóns de euros (41,5% do total dos sectores desta área e 98,1% da automoción en toda Galiza). 

A situación en Alemaña

O crecemento das vendas da automoción galega dáse nun contexto de severa crise no sector en Alemaña. Volkswagen asegura que a empresa non pode sobrevivir á transición aos coches eléctricos a menos que recorte os seus custos, nun contexto de deterioración da economía e de competencia coa China. Ante a ameaza de fechamento de fábricas e de despedimento de persoal, os sindicatos xermanos afirman que "non existe un problema de custos laborais" senón "un comité executivo [da multinacional] que non se centra o suficiente no negocio principal".

Algúns medios apuntan a un plan da firma de vehículos para despedir 30.000 traballadores e traballadoras. Aínda que a compañía negou esta sexta feira estas cifras, si recoñeceu que quere minguar os cadros de persoal. Neste contexto, o ministro de Economía de Alemaña, Robert Habeck, advertiu esta sexta feira que hai límites ao que o Goberno xermano pode facer para apoiar Volkswagen na súa crise, e engadiu que a estrutura e a viabilidade dun negocio dependen da política da empresa. Así, prometeu apoio político para evitar o fechamento de factorías mais ningunha axuda económica estatal concreta.

A prensa xermana di que Volkswagen quere despedir 30.000 persoas en factorías alemás

Mentres tanto, varios Estados federados de Alemaña piden a volta ao subsidio á compra de coches eléctricos, que expirou en decembro de 2023 e que foi suprimido tras o conflito orzamentario entre o Goberno de Olaf Scholz e o Tribunal Constitucional, que determinou que atribuír 60.000 millóns de euros de débeda non utilizada durante a pandemia de coronavirus a un fondo para o clima foi ilegal.

Ao tempo, a compañía chinesa Shanghai Micro Electronics Equipment presentou este mes unha patente para novos equipos de litografía cruciais na fabricación de semicondutores (os chips que empregan os automóbiles), un fito importante cara á autosuficiencia da China na industria da electromobilidade.

As exportacións galegas crecen 3,9% entre xaneiro e xullo

Galiza realizou vendas ao exterior por 2.508,3 millóns de euros en xullo, 6% máis que no mesmo mes de 2023, por baixo do avance de 9,3% da media estatal, segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE). No que vai de ano, entre xaneiro e xullo, o crecemento das exportacións galegas foi de 3,9%, o que contrasta co descenso de 0,9% no conxunto do Estado.

Respecto ás importacións, Galiza introduciu bens valorados en 1.730,4 millóns en xullo, 8,5% máis que un ano antes, mentres que a nivel estatal ascenderon 3,2%. Nos sete primeiros meses, as importacións subiron 1% a nivel galego, con 12.131 millóns, e baixaron 1,7% no Estado.

Así, Galiza presentou unha balanza comercial positiva de 777,9 millóns de euros en xullo, cunha taxa de cobertura de 145%. Pola súa parte, os primeiros sete meses saldáronse cun saldo positivo de 5.878,5 millóns a nivel galego, cunha taxa de cobertura de 148,5%.

Industria e servizos

Ademais, a cifra de negocios da industria galega subiu 5,1% en xullo respecto ao mesmo período do ano anterior, unha décima porcentual por encima da media estatal, mentres que as vendas do sector servizos creceron 10,1% no mesmo período, por riba da suba de 6,5% no Estado español.

Comentarios