A Asociación Galega de Viticultura divulgará a IXP Terras do Navia

A organización, integrada na Federación Rural Galega (Fruga), organizara outro evento en 2023.
Xornada da IXP Terras de Navia en Negueira de Muñiz (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xornada da IXP Terras de Navia en Negueira de Muñiz (Foto: Nós Diario).

A Asociación Galega de Viticultura (AGV), organización que está integrada na Federación Rural Galega (Fruga), e a área de Medio Rural da Deputación de Lugo veñen colaborando desde o 2023 para a promoción e divulgacións dos viños da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia.

Dentro desta convenio, nos meses de maio e xullo decorrerá unha serie de eventos promocionais desta IXP, que se oficializou en febreiro de 2023.

O primeiro deses eventos será mañá, 10 de maio, na sala de exposicións da Deputación de Lugo, e consistirá nunha charla-coloquio aberta na que participarán Isabel Lozano (EnVinissi); Maira Ratón (Técnica en elaboración de viños); e Francisco Sanromán (Adega Sidrón, de Negueira de Muñiz, na comarca da Fonsagrada). 

Esta IXP oficializouse o ano pasado tras publicarse a súa inscrición no Boletín Oficial da UE. A denominación ampara viños da comarca da Fonsagrada no concello de Negueira de Muñiz, así como en parroquias da Fonsagrada (Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Lamas de Cuíña) e no concello de Navia de Suarna (A Proba de Navia, Barcia, Castañeda, Muñís, Mosteiro e A Ribeira) nos Ancares.

Evento en 2023

En 2023, dentro dun convenio coa área de Medio Rural da Deputación de Lugo, o 2 de decembro a AGV realizou en Negueira de Muñiz (comarca da Fonsagrada) un Encontro Adegueiro, no que participaron diversas adegas de todas as zonas vitivinícolas galegas.

Despois dunha conferencia do sumiller Miguel Anxo Besada e dun túnel do viño con variedades e elaboracións especiais, tivo lugar unha mesa redonda final onde varias persoas que foron importantes para a creación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) debateron sobre o futuro dos viños galegos.

Comentarios