Leve descenso do prezo dos combustíbeis: este é o custo actual da gasolina e o gasóleo

O prezo medio do litro de gasolina fica esta semana no nivel máis baixo desde finais de febreiro, mais encher o depósito é hoxe 15 euros máis caro que hai xusto un ano.
O prezo medio da gasolina subiu 40% nun ano. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O prezo medio da gasolina subiu 40% nun ano. (Foto: Nós Diario)

En plena 'Operación saída' da Semana Santa, os carburantes deron unha pequena alegría ás persoas que optaron polo vehículo particular para os seus desprazamentos.

Segundo os datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea, o prezo medio dos carburantes baixou lixeiramente esta semana en relación coa anterior. En concreto, a gasolina caeu 1,43% e o diésel, que se mantén máis caro que a gasolina por terceira semana consecutiva, moderouse 2,06%.

No marco da bonificación de 20 céntimos por litro que entrou en vigor o pasado 1 de abril para todas as persoas consumidoras, o prezo medio do litro de gasolina sitúase esta semana nos 1,59 euros, o seu nivel máis baixo desde finais de febreiro.

No caso do diésel, que consolida o 'sorpasso' á gasolina, o seu prezo retrocede até os 1,613 euros o litro, o nivel máis baixo desde principios de marzo.

A medida do Goberno español no marco do plan de medidas urxentes para mitigar os efectos da guerra en Ucraína, da que o Estado asume 15 céntimos do desconto e as grandes petroleiras un mínimo de 5 céntimos adicionais, logrou o seu obxectivo de aminorar a carga económica para as familias. Os descontos estarán en vigor, en principio, até o vindeiro 30 de xuño.

Porén, pese a esta baixada, o prezo medio de gasolina e diésel para estas datas será  20,91% e 36,81%, respectivamente, máis caro que na mesma semana de 2021.

Así, o enchido dun depósito de 55 litros de gasolina custa agora ao redor de 87,45 euros, uns 15,12 euros máis que na mesma semana do ano anterior. No caso do gasóleo, o enchido dun depósito de 55 litros ascende a uns 88,72 euros, o que representa 23,87 euros máis que hai un ano.

Comentarios