O DEBATE | A caída do consumo do viño tinto explica a crise de excedentes da DO Ribeira Sacra?

A redución de vendas dos tintos é un dos argumentos empregados para explicar a crise da Denominación de Orixe (DO) da Ribeira Sacra. No debate partiicpan Carlos Basalo., responsábel de viticultura de Unións Agrarias e Martiño Santos, sumiller e empresario vitivinícola.
A Ribeira Sacra é testemuña da elaboración dos viños de Adegas Lareu (Foto: Aldán Lareu).
photo_camera Uvas recolleitas na Ribeira Sacra. (Foto: Aldán Lareu).

Carlos Basalo. Responsábel de viticultura de Unións Agrarias

carlos basalo

A colleita que teremos no Estado español oscilará entre os 38 e 32 millóns de hectolitros (hl) Segundo unhas estimacións e outras. Cualifícase por algúns como unha colleita normal, cando non o é, é unha colleita baixa, España tivo durante moitos anos unha colleita ao redor de 45 millóns e chegamos a máis de 50 millóns. O que pasa é que climatoloxicamente levamos catro anos malos ou moi malos, pero hai anos, 40 millóns de hl era unha pésima colleita. 

Como é posible que cunha colleita baixa, saltaran todas as alarmas? Porque temos un problema grave de desequilibrio na comercialización dos viños, derivado o cambio radical do consumo mundial, que mudou do viño tinto cara ao branco e dentro destes cunha preferencia clara os espumosos refrescantes e aqueles que teñen menos alcohol pola incidencia nas temperaturas que trouxo o cambio climático. 

Unha evolución de mercado que levou a que por primeira vez o prezo medio dos brancos supere ao dos tintos. As cifras de consumo en España indican que cae 8,2% en decembro de 2022 con respecto ao mesmo período do ano anterior e baixou até os 9,59 millóns de hectolitros. Mentres que no caso do viño tinto, con respecto ao ano 2022 e 2023, a caída ten sido de 7% a nivel mundial.

Neste marco comercial internacional no que xa se atopan botellas de Bordeus por debaixo de 2 euros, é inevitable o efecto de caída de prezos en cadea nos mercados de Francia, Alemaña, Estados Unidos ou Xapón, das DO españolas netamente exportadoras de tinto como Rioxa ou Ribera del Duero - é importante lembrar que España exporta en total 20 millóns/ano de hectolitros e ten en cultivo vitivinícola case 1 millón de hectáreas-. Esta falta de saída ao estranxeiro provoca que se salden no mercado nacional, arrastrando a unha crise sen precedentes as DO como Ribeira Sacra cuns custos de produción condicionados pola morfoloxía do territorio e do modelo produtivo. 

Unións Agrarias (UUAA) non é allea a esta conxuntura pero insiste en que no caso da DO que nos ocupa que, dada a súa importancia socioeconómica, paisaxística e mesmo demográfica que a produción de uva ten nas comarcas implicadas, é imprescindible que produtores, adegas e Administración vaian da man e traballen unidos para implementar as solucións que esta DO precisa a curto, medio e longo prazo. 

UUAA insiste en que os produtores precisan que se garanta a vendima polo que reclama que ademais de mellorar as axudas, se debe de actuar coas adegas para facilitarlles a liberación de stocks, ao igual que se fixo durante a pandemia, e deste modo favorecer o incremento da súa capacidade de recollida sempre que esta se realice dentro do marco normativo da Lei de cadea alimentaria.   

Ademais insta a Xunta a involucrarse para traballar da man e sen máis demora na elaboración dun plan de actuación con visión de futuro e coa vista posta na promoción, nas exportacións e na apertura de novos mercados internacionais para os tintos; así como na reestruturación de viñedos e na posibilidade de impulsar cambios varietais que aporten valor engadido aos viños da Ribeira Sacra e potencien as súas vendas. Para iso será preciso que o Goberno do Estado habilite partidas da PAC española para axudar os produtores a impulsar comercialmente a súa explotación, dado que as subvencións actuais só se destinan a destrución da colleita e a reestruturación.


Martiño Santos. Sumiller e empresario vitivinícola

martiño

O sector do viño vén de dúas décadas de éxito. Sábese 10 anos atrás das tendencias de consumo cara a viños menos alcohólicos, madeirizados e extractivos, en favor de espumantes, brancos, rosados (uva tinta) e tintos máis frescos. A produción galega, con gran supremacía contemporánea de brancos, e os nosos tintos máis atlánticos, víronse favorecidos. Realmente temos pouco viño e pouquísimo tinto. Rioxa e Burdeos son monstros no mercado con tintos convencionais, plantaron a esgalla e ben antes da pandemia están en sobreprodución e caída comercial. Similitudes coa Ribeira Sacra? Cero. Por iso o relato da crise dos tintos que a Xunta recarga nos comunicados é un Don’t Look Up. Os tintos galegos suman valor e reputación como país de viños. Era bo non queimala

A pandemia desplomou o consumo, con datos históricos positivos en 2019 segundo o Observatorio Español do Mercado do Viño. A crise inflacionista frustrou a recuperación total e disparou oscilacións e a incerteza económica. Aquí aparecen excedentes na Ribeira Sacra e noutras zonas. Só Galiza, Nafarrroa, Rioxa e Euskadi (Rioxa alavesa) solicitaron destilación este ano. Non vos faltan tintos?

O 9 de xullo de 2021, coa pandemia coleando, a Xunta presentaba no Hostal dos Reis Católicos un acordo coa adega rioxana Vivanco. O viño oficial do Xacobeo 2021-2022 sería un tinto Rioxa crianza de 2018, con promoción de consumo na Galiza. Vivanco declaraba: “Galiza é a comunidade onde máis Rioxa vendemos”. Tamén mercan adegas e viñas. Incómodo atranco da Ribeira Sacra lonxe do relato oficial. A situación de Rioxa, ben vista, sería vantaxe competitiva para a promoción dos tintos galegos.

60% de viticultores prexudicados na Ribeira Sacra vende a unha adega, o groso deles a catro. Incómodo. Raro nunha crise xenérica. Moita sorte igual co perfil de viños, novas plantacións e xestión comercial. A ver se a Xunta axuda co excedente a cambio de que merquen a uva.

Última incomodidade do marco: a longa crise do consello regulador, con moción de censura, coa Consellaría atenazada entre faccións internas do partido gobernante e con adegas excedentarias vingativas. Mentres, o mercado español identifica mencía co Bierzo. Ergueita a ollada, confirmamos a definición comercial de tinto como viño máis vendido e mellor pagado; e constatamos descensos máis acusados no seu consumo. Pero ollo! tamén descende nos brancos en menor medida. O Informe de Consumo Alimentario 2023 do Ministerio constata o liderado dos tintos nos fogares con 65,7% de volume e 68,2% de valor (máis vendido e mellor pagado), fronte a 29,2% e 28,3% dos brancos. Nos datos do Ministerio para a campaña 2023-2024, o volume total comercializado por todas as denominacións medrou +3,57%. O tinto representou 44,37% e o branco 22,68%. Baixan tintos e brancos.

A prioridade apunta á promoción e comercialización, co territorio como marca. Os viños galegos teñen boa reputación e escaso coñecemento, por tanto unha gran oportunidade. Ribeira Sacra está frouxa nas provincias galegas máis poboadas e fóra da Galiza. Comparala con Rioxa e Burdeos, para escorrer o vulto, é a pretenciosidade que se precisa para apostar por ela. Orientar a calidade cara a máis viños de valor engadido acabaría de confirmala como a proposta de valor gañadora que é. Advertencia: a expresión “adaptarse aos mercados” vale para tirios e troianos.

Comentarios