Os carburantes, en mínimos ás portas do outono: marcan os prezos máis baixos desde hai dous anos

O prezo dos carburantes encadean unha nova baixada e tanto o diésel como a gasolina situáronse en mínimos desde finais de xaneiro de 2022.
#gasolina #gasóleo #gasolineira #carburante #combustíbel (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Unha muller enche o depósito do seu coche nunha gasolineira. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

No caso concreto do diésel, o prezo medio do litro situouse nos 1,38 euros, ao baixar un 1,8% con respecto aos 1,406 euros da semana anterior, para encadear a súa novena baixada consecutiva e marcar o seu nivel máis baixo desde hai dous anos, segundo datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea correspondentes á pasada segunda feira recollidos por Europa Press.

O prezo medio do litro de gasolina, descendeu na última semana un 1,8%, acumulando nove caídas seguidas, tamén, para retroceder até os 1,502 euros, a cifra máis baixa desde principios de 2022.

Desta maneira, a gasolina acumula un descenso do 7,28% e o diésel unha baixada do 8% desde que iniciaron en xullo deste ano unha espiral de descensos, coincidindo cunhas datas marcadas polo período vacacional de verán e no que máis desprazamentos por estrada adoita haber en todo o ano.

O prezo medio de ambos os dous carburantes arrincou 2024 rexistrando as súas primeiras subidas en tres meses, despois de acumular un descenso tras outro desde finais de setembro de 2023, que o levou a despedir o ano pasado en niveis mínimos do exercicio, sumando un abaratamento de case 15% no caso da gasolina e de máis de 13% para o diésel.

Encher o depósito, até 16 euros máis barato

Cos prezos actuais, encher un depósito medio de 55 litros de diésel ten un custo duns 75,9 euros, uns 15,95 euros menos que nas mesmas datas do ano pasado, cando ascendía a uns 91,85 euros.

Para os vehículos de gasolina, encher un depósito medio (55 litros) supón un desembolso duns 82,61 euros, ao redor de 13,6 euros menos que na mesma semana de setembro de 2023, momento no que o prezo era de 96,25 euros.

Ademais, o prezo medio do litro do diésel, coas caídas das últimas semanas, mantense por baixo dos niveis en que estaba antes do estalido da guerra en Ucraína, que comezou o 24 de febreiro de 2022, cando era de 1,479 euros o litro. A gasolina, tamén se mantén lixeiramente por baixo, xa que tiña un prezo de 1,591 euros o litro nese momento.

Igualmente, ambos os dous carburantes continúan lonxe dos máximos que rexistraron o verán de 2022, en xullo, cando a gasolina alcanzou os 2,141 euros e o gasóleo os 2,1 euros.

Así, o diésel suma xa 81 semanas por baixo do prezo da gasolina. Mantense na situación habitual anterior á guerra en Ucraína, que provocou que o prezo do gasóleo fose máis caro que o da gasolina de forma continuada desde agosto de 2022 até mediados de febreiro de 2023, cando rompeu a dinámica.

O prezo dos carburantes depende de múltiples factores, como a súa cotización específica (independente da do petróleo), a evolución do cru, os impostos, o custo da materia prima e da loxística e as marxes brutas. Ademais, a evolución na cotización do cru non se traslada directamente aos prezos dos carburantes, senón que o fai cun intervalo temporal.

Máis baratos que a media europea

Con estes niveis, o prezo da gasolina sen chumbo de 95 mantense no Estado español por baixo da media da Unión Europea, situada en 1,628 euros o litro, e da eurozona, cun prezo medio de 1,675 euros.

No caso do diésel, o prezo no Estado tamén é inferior ao da media da UE, que é de 1,515 euros, e da zona euro, onde marca un prezo de 1,537 euros.

Comentarios