A Consellaría de Facenda rexeita unha quita da débeda para Galiza

"Tal e como se presenta, é un traxe a medida do independentismo", afirmou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, nun pleno do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, nun pleno do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, sinalou esta quinta feira que rexeita unha quita de débeda para Galiza, posto que, segundo defende, "tal e como se presenta, é un traxe a medida do independentismo".

"Ese non é o problema de Galiza, e non vale desviar a atención e falar da quita para non falar do realmente importante: un financiamento xusto e multilateral que permita pagar o custo dos servizos que Galiza necesita", afirmou esta quinta feira nun comunicado.

Corgos afonda así no argumentario do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, que insistiu esta semana en que Galiza país "non necesita que se condone débeda", dado que "a maior parte é débeda bancaria", posto que a Xunta da Galiza non aproveitou na mesma medida que outras comunidades o fondo de liquidez autonómico, un instrumento que o Goberno español puxo a súa disposición para obter financiamento a uns xuros máis baixos que os do mercado. "Non nos interesa; interésanos estar ben financiados, pero a nós todo isto das condonacións de débeda non nos convén", reiterou o presidente galego.

Así o fixo a pesar de que a débeda pública galega ascendía no mes de marzo, último mes con datos, a 12.197 millóns. Segundo recolle o Informe Estatístico do Banco de España para o primeiro trimestre de 2024, a débeda contraída pola Xunta co Goberno do Estado situábase en 2.311 millóns de euros. Ademais, a Xunta destina no seu orzamento de 2024 até 1.647 millóns de euros para facer fronte ás súas  débedas. 

"As declaracións dos partidos da oposición en Galiza recriminando á Xunta a súa posición sobre a condonación da débeda poñen de manifesto o seu descoñecemento sobre o funcionamento das finanzas públicas, xa que, coa normativa actual, o importe condonado non podería dedicarse a políticas de gasto, tal e como eles afirman", defendeu o conselleiro.

"A condonación que quere a oposición para Galiza suporía, unicamente, un aforro nos xuros para pagar, que son os máis baixos de España grazas as políticas responsábeis do Goberno galego", sinalou Corgos.

Ademais, engadiu que esta cantidade "non resolvería o déficit de máis de 600 millóns de euros ao ano que ten a comunidade polo actual sistema de financiamento debido á incorrecta valoración dos custos de envellecemento e dispersión".

"Un engano"

"Solucionar este déficit si é prioritario para a Xunta da Galiza", acrecentou. Neste sentido, Corgos considerou que "se trata dun engano do Goberno [español] a todos os españois porque supón pagar entre todos o que uns poucos dilapidaron".

"É dicir, non é unha quita senón unha mutualización da débeda", apuntou o conselleiro de Facenda. "É unha trampa do Goberno [español] para desviar a atención sobre os problemas que o afogan", concluíu Corgos.

"Non" de Paula Prado a unha negoación bilateral

A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, foi preguntada esta quinta feira a respecto da reunión que manterán esta sexta feira Alfonso Rueda e o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, que terá o modelo de financiamento como unha das cuestións sobre o foco. 

Prado reafirmouse en que calquera negociación vinculada con financiamento autonómico debe ser tratada nun marco multilateral: o Consello de Política Fiscal e Financeira e a Conferencia de Presidentes. "As cuestións económicas que afectan todos os españois deben ser negociadas entre todos, e non de forma bilateral", resolveu Prado.

Comentarios