A economía española crecerá 2,2%

Son as previsións da Comisión Europea para o presente ano.
Sede da Comisión Europea, na cidade de Bruxelas, en Bélxica (Foto: EmDee).
photo_camera Sede da Comisión Europea, na cidade de Bruxelas, en Bélxica. (Foto: EmDee)

A Comisión Europea calcula que a economía española crecerá 2,2% en 2023, o que supón unha mellora de tres décimas con respecto a 1,9% do prognóstico de primavera e sitúase tamén por riba das previsión tanto da Eurozona como do conxunto da Unión Europea (UE), ambas cun prognóstico de crecemento de 0,8%, e que implica un descenso, respectivamente, de tres e dúas décimas en relación ás predicións de maio.

O Estado español lidera así a previsión de crecemento das seis maiores economías da UE en 2023, entre as que figura xunto a Alemaña (-0,4%), Francia (1%), Italia (0,9%), Países Baixos (0,5%) e Polonia (0,5%) e rexistra a menor porcentaxe de inflación prevista para o actual exercicio con 3,6%, catro décimas por baixo do descenso augurado en maio para 2023, mentres que sobe dúas décimas con respecto ao prognóstico de primavera para 2024, até 2,9%.

Moderación até 1,9%

"A economía española rexistrou un moi bo rendemento na primeira metade do ano e sobrepasou as expectativas de primavera", recoñeceu o comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, en rolda de prensa.

Non obstante, en 2024 agárdase que o crecemento real do PIB español se modere até 1,9%, fronte a 2% previsto en primavera, unha desaceleración que Bruxelas atribúe á debilitación da actividade económica prevista para finais do actual exercicio, que se prolongará "cando menos até o primeiro semestre de 2024", segundo apuntou Gentiloni. A previsión revisa á baixa o crecemento da economía da UE de 1,7% previsto na primavera a 1,4%, así como o da zona euro, que baixa de 1,6% a 1,3% en 2024.

A porcentaxe de inflación de España sitúase, ademais, moi por baixo da predición comunitario de inflación, que se prevé que se sitúe en 6,5% en toda a UE para 2023, e descenda até 3,2% en 2024.

Comentarios