O financiamento centra o debate malia Rueda querer excluílo da reunión con Sánchez

Malia que o presidente galego, Alfonso Rueda, rexeita debater na reunión desta sexta feira co seu homólogo español, Pedro Sánchez, o modelo de financiamento e a condonación da débeda á Galiza, ambas as cuestións centran a actualidade política. O PP, o BNG e o PSdeG analizan para Nós Diario que se xoga esta sexta feira Galiza. A oposición exixe ao presidente da Xunta que solicite a condonación da débeda galega.
o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, co presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o pasado marzo. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, co presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o pasado marzo. (Foto: Xunta da Galiza)

Esta sexta feira comeza a rolda de contactos do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, cos presidentes autonómicos arredor do debate xurdido polo acordo entre PSOE e ERC sobre un novo status financeiro para Catalunya.

Sobre a mesa está a quita da débeda e o novo modelo de financiamento autonómico, pero o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, xa advertiu de que “non lle interesa” a condonación dos máis de 2.310 millóns de euros que a Galiza debe ao Estado (unha quita que podería ser superior a esta cifra, segundo o acordado entre o PSOE e o BNG no pacto de investidura de Pedro Sánchez, pois a débeda total da Xunta da Galiza ascende a 12.397 millóns).

A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, pediu aos presidentes autonómicos do PP non falar bilateralmente co Estado nin de financiamento nin de condonación da débeda. Malia que os presidentes de València e Andalucía, ambos populares, desmarcáronse desta petición, Rueda afirmou esta semana que non vai falar “bilateralmente” con Sánchez de financiamento.

Rueda négase a falar con Sánchez dun novo sistema de financiamento e da débeda

A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, foi preguntada esta quinta feira a respecto disto e reafirmouse en que calquera negociación vinculada con financiamento autonómico debe ser tratada nun marco multilateral: o Consello de Política Fiscal e Financeira e a Conferencia de Presidentes. "As cuestións económicas que afectan todos os españois deben ser negociadas entre todos, e non de forma bilateral", resolveu Prado.

Pola súa parte, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, rexeitou esta quinta feira unha quita de débeda galega, debido a que, "tal e como se presenta, é un traxe a medida do independentismo", dixo.

Os retos de Galiza

O portavoz do grupo parlamentario do PP, Alberto Pazos, sinala o “escepticismo e pesimismo” que ten sobre o encontro desta sexta feira entre Sánchez e Rueda. A reunión é “parte da estratexia de desviar a atención sobre a submisión de Sánchez ao independentismo catalán, concedéndolles todas as chantaxes que lle fan”.

A portavoz de economía do grupo parlamentario do BNG, Noa Presas, amosa “preocupación” polas informacións desde o PP galego nos días previos á reunión desta sexta feira. Rueda “está demostrando que é un presidente de cartón, que non exerce, que está sometido ás ordes de Xénova e que é o presidente máis submiso da historia”. 

O portavoz de economía do PSdeG, Abel Losada, considera que as declaracións de Rueda previas ao encontro demostran “unha estratexia do PP a nivel estatal que é confrontar”.

Unanimidade a favor dun novo modelo de financiamento 

Presas pon enriba da mesa o que o BNG considera neste momento os dous maiores problemas da Galiza: “o infrafinanciamento e a débeda que nos causou estes últimos 15 anos de goberno o PP”. Para o BNG son “problemas fundamentais porque furtan recursos económicos ao noso país e impiden que se poidan ter eses recursos para prestar uns servizos públicos fundamentais”. 

Abel Losada recoñece que “o sistema de financiamento autonómico vai ter que reformarse” pero remite ese escenario a “cando se vexan sobre o papel as relacións facendísticas entre o Estado e Catalunya, aí é o momento en que os galegos e as galegas ao mellor temos algo que dicir, pero falar antes é facer política ficción”.

O PP pola súa parte argumenta que “as comunidades autónomas, e os concellos tamén, precisan dun novo modelo de financiamento”, pero Pazos advirte de que “este novo modelo debe saír dunha negociación conxunta de todos os presidentes autonómicos e os alcaldes, onde se valoren as necesidades de cada un e os fondos económicos existentes para levar adiante a mellor distribución dos mesmos”. 

En común entre os tres partidos está a necesidade dun novo modelo de financiamento. A nacionalista Noa Presas lembra que un recente informe do Consello de Contas di que “perdemos máis de 1.000 millóns de euros ao ano” co actual sistema de financiamento autonómico. Losada recoñece que o “vello modelo” non ten en conta as singularidades da Galiza. 

Pazos reforza a orde de Xénova a respecto de non abordar o financiamento de forma bilateral Galiza-Estado, critica que o BNG defenda “un cupo foral para Galiza, facendo caso omiso ás opinións dos expertos en financiamento autonómico que non paran de alertar de que ese modelo sería moi prexudicial”. As chaves para o Bloque Nacionalista Galego pasan pola “soberanía fiscal e un concerto económico para Galiza”. 

O socialista Abel Losada ve “fiestras de oportunidade e discusión sobre o financiamento, co criterio fundamental de que Galiza ten que ter un nivel de financiamento que garanta os servizos públicos esenciais”. 

A quita da débeda

Sobre a mesa Sánchez vai pór esta sexta feira a Rueda a condonación de máis de 2.310 millóns de euros da débeda galega. Rueda advertiu xa que a Galiza “non precisa” desta quita. Para Abel Losada “o primeiro que ten que facer Rueda é defender os intereses da Galiza” e considera “sorprendente” a renuncia a esta oferta de Sánchez. “Sorprenderíame moito que o resto de comunidades do PP vaian dicir que non, eles saberán e terán que dar conta diante dos seus cidadáns”.

Presas considera que a “débeda xerada logo de 15 anos de goberno do PP na Galiza é un dos problemas fundamentais dos galegos”, e demanda que “cando menos” Rueda debería defender esta sexta feira a quita que ofrece o Estado. O Banco de España falan dunha cifra de débeda na Galiza de máis de 12.000 millóns de euros (a segunda maior na serie histórica, a primeira foron os 12.608 millóns de euros do primeiro trimestre de 2023), cada galego e galega debe 4.528 euros segundo estes datos. 

A celulosa de Altri, a AP-9 ou o ferrocarril, na axenda

En lugar de débeda e financiamento, do que o PP galego non quere falar no encontro desta sexta feira, Alfonso Rueda avanzou que leva “na axenda” temas como Altri, o litoral, a AP-9, conexións ferroviarias con Portugal e infraestruturas pendentes no país. Pazos Couñago explica que “son temas que a bo seguro Alfonso Rueda vai volver pór enriba da mesa, dada a falta de compromiso e iniciativa amosada polo Goberno español neste tempo coa Galiza e os galegos”.

Noa Presas considera a axenda de Rueda para a reunión “un totum revolutum, unha serie de queixas das que o PP é corresponsábel. No déficit histórico de infraestruturas do ferrocarril e outras moitas o PP foi cómplice no Estado e tamén desde Galiza”.

Á vista da axenda de Rueda, Abel Losada di que “está claro que vai á confrontación. Ten a lista de reivindicacións históricas. No caso da transferencia da AP-9 ou o ferrocarril ten que ser o Goberno de España pero no caso de Altri ese diñeiro que se pode aforrar [coa quita da débeda] podería dedicarllo a Altri ou a calquera proxecto industrial, iso é competencia da comunidade autónoma segundo di o Estatuto de Autonomía”. Pazos Couñago acusa o PSdeG de ser, en todos estes asuntos, “corre-vai-dille” de Sánchez.

Comentarios