Turismo

Hoteleiros de Vilaboa piden acabar coa cultura do "todo se aluga" con fins turísticos: "Estamos en contra do 'todo vale'"

O Goberno do Estado presentará hoxe un plan para acoutar a proliferación tanto de alugueres temporais por estudos, investigación ou motivos laborais, que haberá que xustificar; como de vivendas de uso turístico, cuxa actividade escapa cada vez máis da legalidade e do control das Administracións. É o que denuncian hoteleiros do concello de Vilaboa (comarca de Pontevedra), que urxen regular o aluguer vacacional como actividade económica.
Vista panorámica de Vilaboa, na comarca de Pontevedra (Foto: CDN).
photo_camera Vista panorámica de Vilaboa, na comarca de Pontevedra. (Foto: CDN).

O colectivo de hoteleiros de Vilaboa estima que no seu concello hai unhas 140 vivendas de uso turístico (VUT), das cales só medio cento figuran no rexistro da Xunta da Galiza, "o que non significa que sexan legais", precisa a Nós Diario Santiago Pumeda, voceiro do sector.

A proliferación de vivendas de uso turístico non declaradas e que operan fóra da legalidade motivou nas últimas semanas varias reunións do gremio hoteleiro, que pide ao Goberno local que actúe ante a constatación de que moitas das casas destinadas no municipio a aluguer vacacional non cumpren a normativa para ser habitábeis e carecen de permisos. "Partindo da base de que en Vilaboa non hai división horizontal –que permite separar a estrutura dun inmóbel en varias unidades rexistrais independente– non se pode alugar unha planta dunha vivenda se vives na outra, que é o que está pasando. Hai vivendas unifamiliares de tres plantas nas que os propietarios se mudan á superior e destinan as dúas primeiras a aluguer vacacional", explica Pumeda.

Autorización das VUT

Até o momento o uso das VUT non está regulado en ningunha lei estatal. Ao se tratar dunha actividade turística, a súa actividade réxese polas normas autonómicas e tamén municipais.

O Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro estabelece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Galiza. "Ti vas á Xunta, solicitas unha licenza para a explotación dunha VUT e danche esa habilitación en referencia a unha referencia castrastal, pero no caso de Vilaboa o que ninguén inspecciona é que se trata dunha vivenda unifamiliar que non se destina de forma íntegra ao aluguer vacacional".

Hai casos que cumpren e contan, ademais, coa autorización municipal correspondente, o que se coñece como título habilitante municipal de natureza urbanística, que se realiza a través dunha comunicación previa e que consta como requisito necesario para funcionar dentro da legalidade ao tratarse dun uso terciario de carácter económico. "Máis contar con esta autorización non te exime do cumprimento doutras normativas en vigor", recalca Pumeda, e apunta condicións básicas de habitabilidade, dotación e servizos.

Os hoteleiros non perden de vista os anuncios en plataformas de aluguer vacacional para confirmar as súas sospeitas e alentar o Goberno local a supervisar as vivendas de uso turístico, unha inspección que o Executivo municipal urxe á Xunta. "Eu mesmo lle pasei ao alcalde –César Poza, do PSdeG– o enlace dun baixo en Vilaboa acondicionado como VUT, unha estancia sen falso teito, coas tubaxes á vista, sen fiestras e na que os inquilinos conviven cunha caldeira", describe Santiago Pumeda. O sector hoteleiro considera que o Concello de Vilaboa ten capacidade e ten armas para loitar contra o auxe de vivendas de uso turístico ilegais."Hai lexislación suficiente, pero non o está a facer", din.

Actividade económica

"Nós non estamos en contra das VUT, estamos en contra das VUT sen regular e que non cumpran a legalidade, porque para nós son unha competencia desleal. Estamos en contra do 'todo vale' e do concepto erróneo do 'todo se aluga'. O ideal sería que houbese un criterio a nivel autonómico que servise de referencia para todos os municipios e que houbese capacidade de inspección e sanción, para todos, porque para min haina como propietario duns apartamentos turísticos. Levo catro en ano e medio, e paréceme ben", explica Pumeda. 

Con 6.000 habitantes, 9 km de costa e unha localización estratéxica entre as comarcas de Vigo e O Morrazo, hoteleiros e veciñanza de Vilaboa reclaman unha regulación das VUT como actividade económica que garanta o acceso ao mercado de vivenda habitual e non arruíne "a reputación e calidade do aloxamento da vila".

Comentarios