A Asociación de industrias Metalúrxicas da Galiza (Asime) trasladou esta quinta feira 30 de xaneiro a súa última reunión da xunta directiva ás Pontes, para amosar o seu apoio diante a difícil situación que vive o municipio polo peche da central térmica. Na mesma xornada mantiveron unha xuntanza co concello das Pontes e a Asociación Empresarial SEARA, para tratar o momento que vive o sector industrial na localidade.
Justo Sierra, presidente de Asime, salientou na visita a “necesidade de regular dunha maneira axeitada a transición enerxética da industria e evitar situacións dramáticas como as que se viven nas centrais das Pontes e San Cibrao". Denuncia que “para a industria electrointensiva o custo enerxético chega nalgúns casos até 50% dos seus custos produtivos”.
A xunta de Asime insistiu na necesidade de impulsar un estatuto electrointensivo. “Os pagos por interrompibilidade e outras medidas puxeron parches á situación agónica que vive a industria electrointensiva no Estado, mais xa non poden agardar máis”.
Desde Asime tamén lembraron a situación dos estaleiros de Barreras e Vulcano. A asociación ratifica “o compromiso da industria auxiliar coa viabilidade do estaleiro e agardan un maior entendemento a partir de agora para negociar o cobro da débeda total contraída polo estaleiro”.