Portugal eliminará as peaxes nas autovías coa chegada de 2025

Desta maneira, desde o 1 de xaneiro, xa non haberá que pagar os actuais dous euros e 40 céntimos por ir da Galiza ao Porto en coche pola A-28. Isto tamén afecta a A-24, que une Viseu con Chaves. O resto de vías nas que se abolirá a peaxe son a  A-4, A-13, A-22, A-23 e A-25.
Seguirá a ser de pago a autoestrada A-3, que parte de Valença. 
Imaxe de arquivo dunha autovía (Foto: Google).
photo_camera Imaxe de arquivo dunha autovía (Foto: Google).

Trece anos despois de que a Unión Europea (UE) impuxera a Portugal o pago de peaxes nas autovías no contexto do rescate financeiro posterior á crise económica, a partir do 1 de xaneiro de 2025 nalgunhas destas vías as persoas usuarias xa non terán que pagalas, incluíndo as galegas e galegos que teñen que achegar 2,4 euros por cada viaxe desde o país ao Porto pola A-28 -máis de seis euros as e os transportistas dos vehículos de maior tonelaxe-, que pasa por Viana do Castelo, despois de ser aprobada na quinta feira a proposta do Partido Socialista (PS) na Assembleia da República.

O voto favorábel á última hora da extrema dereita do Chega permitiu validar o texto apoiado por todas as forzas progresistas, que implica a eliminación das taxas de peaxe en sete autovías, facendo fincapé na necesidade de que non exista pago nas estradas que non teñen unha alternativa segura e de calidade. Isto tamén afecta a A-24, que une Viseu con Chaves, na fronteira coa Galiza. O resto de vías nas que se abolirá a peaxe son a  A-4, A-13, A-22, A-23 e A-25.

Derrota do PSD

A votación parlamentaria supuxo unha derrota para o Executivo conservador do Partido Social Democrata (PSD) e o CDS-Partido Popular, liderado por Luís Montenegro, que defendía unha rebaixa gradual desas peaxes, algo que en primeira instancia permitía un entendemento coa ultradereita, que mantiña que se tiña que tratar dunha redución paulatina ao longo de dous anos, aplicábel a todas as peaxes. 

A proposta do PS prosperou logo de que non se producira un entendemento entre os conservadores. Ademais da proposta do PS, cun custo estimado de 157 millóns de euros, forzas progresistas como o Bloco de Esquerda (BE) reclamaron que as concesións nesas vías fosen transferidas á pública Infraestruturas de Portugal durante este exercicio, entrementres, o Partido Comunista (PCP) incidiu na necesidade de amais desa transferencia acabar coas peaxes en todas as autovías lusas.

O Goberno, en alusión a PS e Chega, afirmou que “hai partidos” que “quere aliarse para gobernar desde o Parlamento”, algo no que fixo énfase Hugo Soares, líder parlamentario do PSD, que acusou de “irresponsabilidade política” o PS.

A decisión do Parlamento portugués beneficia especialmente o interior do país, por onde se estenden a meirande parte das autovías mencionadas.

O estabelecemento de peaxes nas autovías do Estado español estivo a debate o pasado ano, após reclamalo a UE no marco da entrega dos fondos Next Generation. 

Comentarios