Por que a baixada dos tipos de xuro da Reserva Federal terá impacto sobre a economía galega?

A rebaixa dos tipos de xuro anunciada pola Reserva Federal dos Estados Unidos (Fed) supón unha das noticias máis importantes dos últimos tempos no panorama económico a nivel global, xa que a mudanza da política monetaria dos EUA ten implicacións que se deixarán notar tanto a nivel galego como no resto do mundo.
O presidente da Fed, Jerome Powell. (Foto: Europa Press / Contacto / Rod Lamkey)
photo_camera O presidente da Fed, Jerome Powell. (Foto: Europa Press / Contacto / Rod Lamkey)

A baixada de tipos de xuro anunciada pola Reserva Federal dos Estados Unidos (Fed) supón unha das decisións económicas máis relevantes no panorama económico global dos últimos tempos, xa que supón o inicio dun cambio de ciclo na política monetaria con implicacións na economía galega e mundial.

A entidade presidida por Jerome Powell decidiu esta cuarta feira baixar os tipos de xuro 0.5 puntos porcentuais, o que os deixou no rango obxectivo de 4,75% a 5%, na que ademais supuxo a primeira relaxación monetaria da entidade desde marzo de 2020.

"O aumento do emprego desacelerou e a taxa de paro subiu", recoñecía a Fed, nunhas declaracións que indican unha mudanza de paradigma nas decisións económicas, que estarán agora máis orientadas ao crecemento económico e ao bo funcionamento do mercado laboral que á contención dos prezos.

De feito, todas as persoas pertencentes ao órgano decisorio do banco central votaron a favor da rebaixa de medio punto, excepto Michelle Bowman, pertencente á vertente 'hawkish' da Fed, a que é partidaria dunha política monetaria máis dura e restritiva.

Ademais, non semella que esta brusca baixada dos tipos de xuro sexa a única que leve a cabo a Fed no futuro próximo, pois as súas proxección sinalan o comezo dun cambio de ciclo na política monetaria. Así, a proxección central da entidade apunta a que os tipos de xuro situaranse ao fechamento de 2024 entre 4,4% e 4,6%. Así mesmo, durante o ano 2025, a previsión é que o intervalo se sitúe entre 3,1% e 3,6%. "Este é o comezo dese proceso", sentenciou Jerome Powell, que tamén recoñeceu que as ameazas de desaceleración do mercado laboral "incrementáronse". 

A decisión da Fed tivo incluso derivadas políticas, xa que o ex presidente dos Estados Unidos e candidato republicano a un segundo mandato nas eleccións de novembro, Donald Trump, acusou a institución de "facer política" con esta medida e favorecer os intereses da súa contrincante demócrata nos comicios, Kamala Harris. "Recortalos tanto, supondo que non sexa porque están a facer política, implica que a economía vai moi mal", asegurou o líder republicano.

Efecto dominó 

Mais a decisión da Fed ten influencia económica máis alá dos EUA, como corrobora un estudo recente do Instituto de Finanzas Internacionais, que mostra que os cambios de tipos de xuro nos Estados Unidos foron o motor máis importante das decisións na zona euro desde 2021. 

Tamén o proban as declaracións realizadas esta quinta feira polo ministro español de Economía, Carlos Cuerpo. "Dá a sensación de que empezou o ciclo de baixada de tipos por parte dos grandes bancos centrais, incluída xa tamén a Reserva Federal", subliñou.

O titular de Economía afirmou que as decisións de rebaixar os tipos de xuro responden a dous motivos, que os bancos centrais están a observar que a inflación "está máis baixo control do que crían hai uns trimestres" e que é necesario reforzar e dar un estímulo adicional á economía real. "E isto para nós son moi boas noticias, incluíndo para os cidadáns e para o día a día no seu peto", destacou Cuerpo.

Neste sentido, anticipou un efecto dominó que influirá na zona euro, "que anticipa que o Banco Central Europeo vai seguir baixando os tipos", algo referendado polo descenso do Euribor, o principal indicador hipotecario na Galiza e que suporía un alivio para as persoas que teñan que actualizar a súa hipoteca. "É unha chegada [de cartos] ao peto que afectará o consumo e creará un pouco máis de marxe, un pouco máis de respiro", subliñou o ministro de Economía do Estado español.

Mais non todas as análises son positivas, posto que a perda de valor do dólar contra o euro suporá complicacións para as empresas galegas dedicadas á exportación, pola influencia da maior competitividade da divisa americana. Ademais, os produtos dos EUA terán máis facilidade para entrar nos mercados galegos. Neste sentido, os efectos nas divisas xa se notaron esta quinta feira, cun euro que se apreciaba 0,47% fronte ao dólar alcanzando un tipo de cambio de 1,1170, e poderían ser un motivo principal na aparición dun efecto dominó con baixadas dos tipos de xuro do BCE a curto prazo.

O gobernador do banco de Portugal advirte de que a economía da zona euro está en risco

Así o certificaba esta quinta feira o gobernador do Banco de Portugal, Mário Centeno, que insinuou  que o instituto emisor podería verse obrigado a acelerar o ritmo deste recortes. "Dada a posición na que nos atopamos hoxe, no ciclo de política monetaria, realmente temos que minimizar o risco de non alcanzar os obxectivos previstos [coa baixada dos tipos de xuro de o,25% realizada polo BCE a semana pasada], porque ese é o risco principal", asegurou o tamén membro do Consello de Goberno do banco central en declaracións feitas a xornalistas da revista Politico.

A pesar de que a presidenta do BCE, Christine Lagarde, fixo ver a semana pasada que non habería máis medidas até decembro, a decisión da Fed provocou que cada vez máis voces apunten a unha nova baixada dos tipos de xuro na reunión que o banco central realizará en outubro. Neste sentido, Centeno cuestionou esta quinta feira a mensaxe de Lagarde, afirmando que "a esperanza dunha rápida mellora da situación económica está a desvanecerse visibelmente en Europa".

Unhas predicións que comparte Stefan Gerlach, ex vicegobernador do banco central de Irlanda, quen afirmou que "o recorte de medio punto por parte da Fed terá un efecto dominó nas decisións de tipos de xuro doutros bancos centrais e levará os participantes do mercado a concluír que a economía estadounidense estase desacelerando, o que talvez leve a unha desaceleración global". O BCE podería verse tentado a considerar a posibilidade de baixar os tipos de xuro en outubro, "a pesar de telo rexeitado firmemente", agregou.

Porén, con independencia da decisión que tome o BCE en outubro, a decisión da Fed coa súa severa baixada dos tipos de xuro terá, sen ningunha dúbida, efectos sobre a economía galega, posto que a rebaixa de 0,5% no prezo do dólar, ademais de ser a primeira en catro anos e medio, ten impactos tanto directos como indirectos. Isto é así xa que o dólar é a divisa de referencia a nivel mundial, polo que inflúe no investimento, no comercio e nas taxas de cambio, afectando tanto os mercados financeiros como as economías domésticas.

As exportacións e as importacións galegas veranse afectadas pola depreciación do dólar

Unha das consecuencias inmediatas da baixada de tipos de xuro nos EUA é a depreciación do dólar fronte ao euro, cando menos até que o BCE reaccione, polo que importar bens e servizos operando en dólares será máis barato. Con todo, baixará a competitividade das firmas exportadoras da Galiza. 

As familias galegas veranse máis tentadas a comprar bens fabricados fóra

En consecuencia, as economías domésticas terán maior poder adquisitivo para realizar compras, aínda que se verán tentadas a adquirir produtos fabricados no exterior, o que pode pasar factura ás empresas galegas.

Esta é a principal razón esgrimida por quen defenden que o BCE ten que reaccionar cunha maior baixada dos tipos de xuro. Este efecto dominó favorecería os e as galegas que teñen hipotecas ou precisan financiamento, o que tamén beneficiaría o consumo e estimularía a economía.

Comentarios