O 1% da poboación ten máis riqueza que o resto de habitantes do planeta, máis de 7.000 millóns de persoas. A cifra figura no informe elaborado por Oxfam Intermón, que chama a procurar unha solución perante un escenario que non é que sexa só “extremo e inxusto” mais tamén é “insostíbel”. Só 8 persoas posúen o mesmo patrimonio que aproximadamente 3.600 millóns en todo o mundo denúnciase en ‘Unha economía para o 99%’.
Esta ONG afirma que nos vindeiros 20 anos, 500 persoas chegarán unha suma de diñeiro superior ao PIB da India, que ten 1.300 millóns de persoas. Os ingresos do 10% máis pobre da poboación mundial aumentaron en menos de 3 euros ao ano entre 1988 e 20111 mentres que “os do 1%” máis rico incrementáronse 182 veces. Varias investigacións realizadas por Oxfam revelan que, nos últimos 25 anos, o 1 por cento máis rico da poboación percibiu máis ingresos que o 50 por cento máis pobre da poboación en todo o seu conxunto. Nesa mesma liña, o documento recolle que mentres que nestes anos o salario dos traballadores apenas aumentou si que o fixo o de presidentes executivos e altos cargos de empresas e corporacións.
"Ningunha sociedade pode manter un incremento semellante da desigualdade. De feito, non existen exemplos na historia da humanidade nos que a riqueza estivese tan concentrada sen que nalgún momento aparecesen as forcas", advertiu o millonario e empresario Nick Hanauer.
Estado español
No que atinxe ao estado español, a fortuna de 3 persoas equival á riqueza do 30% máis pobre. O estado español deixa de ingresar por volta de 1.550 millóns de euros como resultado da actividade canalizada a través dos 15 paraísos fiscais "máis agresivos".