O sector pesqueiro mantén en suspenso a folga á espera da reunión con Planas

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación comprometeuse a recibir as confrarías a semana que vén, mais a data da reunión está aínda por determinar.
O incremento do prezo dos carburantes provoca que os mariñeiros teñan que asumir perdas para poder saír ao mar (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera O incremento do prezo dos carburantes provoca que os mariñeiros teñan que asumir perdas para poder saír ao mar (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A suba do prezo dos carburantes levou a flotas como a de Celeiro, en Viveiro, a amarrar a pasada semana. Son paros parciais que despois secundaron outras confrarías que serviron, entre outras cousas, para denunciar a delicada situación pola que atravesa o sector. 

Esta terza feira, representantes da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores (FNCP) e da Confederación Española da Pesca (Cepesca) mantiveron un encontro en Madrid coa secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz, quen lles trasladou, entre outras cuestións, que a semana que vén serían recibidos polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas

En declaracións a Nós Diario, o presidente da FNCP e patrón maior de Burela, Basilio Otero, indicou que o sector está nunha "situación límite" que fai que non sexa rendíbel saír a faenar. Porén, o anuncio de reunión, que era unha das súas exixencias para evitar un paro total da flota a partir do día 21 de marzo, fai que agora se manteñan "expectantes" até a celebración do encontro, despois do cal "resolveremos o que imos facer". 

Consello da Unión

Sobre a xuntanza desta terza feira con Villauriz, Otero sinalou que as propostas tratadas "ían na mesma liña", polo que confía en que na cita con Planas poida haber un achegamento de posturas sobre as medidas a adoptar para que a actividade sexa viábel. 

Precisamente, o ministro pronunciouse tamén esta terza nun almorzo informativo sobre a situación do sector, do que destacou que 23% dos seus insumos están vinculados ao gasóleo "polo que é moi sensíbel ao incremento do prezo dos mesmos", explicou durante a súa intervención.

Planas avanzou que xa solicitou que este asunto se inclúa na orde do día do Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea que se celebrará o próximo día 21. "Pedín que no próximo consello se discuta este tema. Se a Política Pesqueira Común é un elemento comunitario onde se discute cotas e TAC (totais admisíbeis de capturas), é lóxico que tamén os custos empresariais se discutan alí e vexamos que respostas se poden dar", sen prexuízo do que poida facer a nivel estatal, recalcou.

Sobre os paros da flota, o titular de Pesca dixo entender que algúns barcos non saian faenar se non poden cubrir os seus limiares de rendibilidade. "Faremos canto estea na nosa man para darlles unha resposta", asegurou o ministro.

As peticións da frota 

O sector da pesca afirma que, cos actuais prezos do combustíbel, teñen que pór diñeiro para saír faenar. Por iso reclaman unha serie de medidas que mitiguen o impacto da suba dos combustíbeis, entre as que figuran a exoneración dos pagamentos á Seguridade Social e das taxas portuarias, xa que a situación, lembran, non só golpea nos barcos, senón tamén nas lonxas.

Tamén inclúen nas súas peticións unhas axudas "de  mínimos", que non terían que ser comunicadas a Bruxelas, para garantir o mantemento da actividade de buques, tripulacións e empresas.

Á marxe destas cuestións, desde o sector tamén destacan a súa preocupación polo impacto que poidan ter os paros no transporte, xa que obstaculiza a súa operatividade e fai que o peixe non estea a chegar aos mercados e lineais.

Comentarios