Vivenda

24 anos a un tipo medio de 3,26%: a sinatura de hipotecas segue en caída cos xuros máis altos en sete anos

En setembro asináronse na Galiza 929 hipotecas, un notábel descenso a respecto de agosto e do mesmo mes de 2022.
#hipoteca #vivenda #xuro #xuros (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera As 929 hipotecas aprobadas supuxeron a concesión de 102,51 millóns de euros en empréstitos. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O número de hipotecas constituídas sobre vivendas na Galiza baixou 38,2% o pasado setembro en relación co mesmo mes de 2022, con só 929, segundo os datos que publica hoxe o Instituto Nacional de Estatística. Esta cifra de operacións representa tamén unha caída de 6,4% respecto a agosto e supuxo, ratificando así o progresivo descenso da sinatura de préstamos hipotecarios. É o terceiro mes consecutivo no que se concretan menos de 1.000 hipotecas, un limiar do que non se baixara en todo 2021 e 2022.

Con base nos mesmos datos, as 929 hipotecas aprobadas supuxeron a concesión de 102,51 millóns de euros en empréstitos, é dicir, 12,5% menos que no mes anterior e 40,5% menos que un ano atrás. A da Galiza foi a terceira maior caída interanual en hipotecas constituídas sobre vivendas (-38,2%), só por detrás de Murcia (-44,8%) e Aragón (-39%).

O total de hipotecas constituídas sobre leiras, aliás, ascendeu a 1.306 na Galiza, por un importe de algo máis de 151,66 millóns, das que 30 eran leiras rústicas —case 4,7 millóns— e 1.275 urbanas —perto de 146,97 millóns—. Estas últimas distribúense entre as 929 hipotecas sobre vivendas, oito en solares —por uns 2,96 millóns— e 338 noutra clase de leiras urbanas. Tanto en rústicas (25 e 5, respectivamente) como en urbanas (1.220 e 55), a maior parte das hipotecas constituíronse en bancos, fronte a outras entidades.

Pola súa parte, rexistráronse 1.727 cancelacións de hipotecas: 56 correspondentes a leiras rústicas, 1.161 en vivendas, 23 sobre solares e 487 doutras urbanas. E realizáronse cambios en 432 hipotecas, 380 deles por novación, cinco subrogacións do adebedador e 47 do acredor. Por natureza da leira, eran nove rústicas, 423 urbanas —delas, 299 vivendas—.

Os xuros, en niveis de récord

Tras a política de suba de tipos de xuro levada a cabo polo Banco Central Europeo (BCE) para tentar conter a inflación e a evolución do Euribor, o tipo medio para o total de préstamos hipotecarios situouse en 3,42% en setembro, cun prazo medio de 23 anos. Case a metade (45,4%) das hipotecas sobre o total de leiras foron a tipo variábel e o 54,6%, a tipo fixo. O tipo de xuro medio ao comezo alcanzou o 3,22% nas hipotecas a tipo variábel e o 3,65% nas de tipo fixo.

No caso das vivendas, o xuro medio foi de 3,26%, o seu valor máis alto desde febreiro de 2016, cun prazo medio de 24 anos. Respecto a un ano antes, os xuros aumentaron en 1,26 puntos. É o sexto mes consecutivo no que o tipo de xuro supera o 3%. O 43,8% das hipotecas sobre vivendas constituíronse o pasado mes de setembro a tipo variábel, mentres que o 56,2% foron a tipo fixo, a porcentaxe máis baixa desde marzo de 2021.

O tipo de xuro medio ao comezo foi de 3,09% para as hipotecas sobre vivendas a tipo variábel e de 3,40% no caso das de tipo fixo. O INE revisou hai uns meses a serie estatística dos tipos de xuro desde xaneiro de 2020 tras pór en marcha un novo procedemento para validar os resultados do tipo de xuro medio inicial nas hipotecas constituídas.

Datos estatais

No conxunto estatal, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas baixou 29,6% o pasado mes de setembro respecto ao mesmo mes de 2022, até sumar 31.054 préstamos, cun tipo de xuro medio que seguiu á alza, alcanzando o 3,26%, a súa cifra máis alta desde febreiro de 2016. Co descenso interanual de setembro, o máis pronunciado desde xaneiro de 2021, a sinatura de hipotecas sobre vivendas encarreira oito meses de taxas negativas, aínda que o de setembro foi maior que o rexistrado en agosto (-22,7%).

O importe medio das hipotecas constituídas sobre vivendas baixou un 0,1% interanual no noveno mes do ano, até os 143.186 euros, mentres que o capital prestado diminuíu un 29,7%, até os 4.446,5 millóns de euros. O capital prestado leva xa seis meses consecutivos caendo a taxas superiores a 20%. Por comunidades autónomas, as que rexistraron un maior número de hipotecas constituídas sobre vivendas en setembro foron Andalucía (5.900), Madrid (5.854) e Catalunya (5.291).

E nas que se prestou máis capital para a constitución de hipotecas sobre vivendas foron as mesmas, mais en distinta orde: Madrid (1.117,2 millóns de euros), Catalunya (871 millóns) e Andalucía (759 millóns). Todas as comunidades asinaron o pasado mes de setembro menos hipotecas sobre vivendas que no mesmo mes de 2022, destacando os descensos de Murcia (-44,8%), Aragón (-39%), Galiza (-38,2%) e Asturias (-35,2%).

En taxa intermensual —setembro sobre agosto—, as hipotecas sobre vivendas subiron 9,6%, mentres que o capital prestado avanzou un 13,5%. En ambos os casos son as menores repuntas nun mes de setembro en polo menos cinco anos. Nos nove primeiros meses de 2023, os préstamos hipotecarios para vivenda reducíronse un 17,2%, cun descenso do capital prestado de 18,6% e unha diminución do importe medio de 1,7%.

Comentarios