Vivenda

O sector inmobiliario súmase á Xunta e oponse a declarar "zona tensionada" A Coruña e Santiago

Entenden que a medida "debe ir precedida dunha ponderada análise das circunstancias concorrentes en cada localidade e cada barrio e, moi especialmente, dos posíbeis efectos negativos".
Núcleo de vivendas na Coruña. (Foto: Álvaro BAllesteros / Europa Press).
photo_camera Núcleo de vivendas na Coruña. (Foto: Álvaro BAllesteros / Europa Press).

O Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da provincia da Coruña, o Colexio Oficial de Administradores de Fincas da Galiza, o Colexio Oficial da Arquitectura Técnica da Coruña e a Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios rexeitan a petición dos concellos da Coruña e Santiago de Compostela para que sexan declaradas "zonas de mercado residencial tensionado". As catro entidades consideran que se trata dunha medida "que debe ir precedida dunha ponderada análise das circunstancias concorrentes en cada localidade e cada barrio e, moi especialmente, dos posíbeis efectos negativos que esa declaración pode supor para as devanditas cidades".

Neste senso, defenden que "os principais efectos, como a limitación das rendas e o alongamento dos prazos dos contratos, xa existiron en épocas pasadas e a súa principal consecuencia aínda é visíbel hoxe en día". "Un parque de alugueiro moi reducido, moi pouco profesionalizado, sobre vivendas en bastante mal estado en moitos casos, e, como consecuencia de todo iso, sometido a enormes tensións nos prezos e nos prazos", engaden.

Os representantes dos devanditos colectivos profesionais cren que "para incrementar a oferta de vivenda en alugueiro e facilitar, con iso, que se conteñan os prezos, e partindo de que máis de 90% do mercado de vivenda en alugueiro está en mans de pequenos propietarios ou familias, debe dotarse os propietarios da necesaria seguridade xurídica e económica".

Tamén a Xunta da Galiza descartou a pasada semana declarar a cidade da Coruña como zona tensionada, unha figura que permitiría aplicar medidas para o control dos prezos da vivenda en réxime de alugueiro. "A Xunta non lle vai a facer un fraco favor nin ás cidades nin á cidadanía, o que temos que ter é uns estudos previos pero sobre todo ver se é constitucional ou non a lei", dixo a conselleira Ánxeles Vázquez, sobre esta mudanza na lexislación.

Rendibilidade no mercado

Precisamente A Coruña, canda Pontevedra, está entre as cidades do Estado español onde a rendibilidade do investimento en vivenda é menor, con 4,7% e 4,8%, respectivamente, no terceiro trimestre, moi lonxe da media estatal, que se mantén en 7,1%. Así se desprende do último estudo do portal inmobiliario Idealista, que recolle que Murcia é a capital de provincia na que é máis rendíbel comprar unha vivenda para poñela no mercado do alugueiro, cunha taxa de 8,3%.

Tras Murcia sitúanse Lleida, cunha rendibilidade bruta do 8%; Huelva, (7,6%), Jaén (7,3%) e Castelló (7%). No total do Estado español, a rendibilidade mantívose estábel en 7,1%, mesma cifra que en 2022. Donostia é a cidade onde a rendibilidade é máis reducida (3,8%), seguida por Palma (4,5%), Iruña e A Coruña (4,7%) e Cádiz e Pontevedra (4,8%). En Madrid, a rendibilidade alcanza 5,2%, e en Barcelona, 5,8%.

Comentarios