Análise

Vivendas de uso turístico: os misterios do que xa é visible

Fernando de la Torre é economista e investigador da Universidade de Santiago de Compostela.
As vivendas de uso turístico (VUT) representan na Galiza 22,73% sobre a oferta total de aloxamento. (Foto: elaboración do autor / Eurostat).
photo_camera As vivendas de uso turístico (VUT) representan na Galiza 22,73% sobre a oferta total de aloxamento. (Foto: Elaboración do autor / Eurostat).

O Goberno de Santiago de Compostela vén de aprobar una modificación no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) en virtude da cal se limita a actividade das vivendas de uso turístico (VUT). Esta medida afonda na liña marcada nos anteriores mandatos: limitar o crecemento deste tipo de servizos de aloxamentos dada a percepción de que contribúen á saturación de determinadas zonas da cidade e ao desprazamento de residentes e estudantes.

A oferta de vivendas de uso turístico a través de plataformas colaborativas –Airbnb, Booking– é unha das innovacións de maior éxito introducidas na economía do turismo durante as últimas décadas. En consecuencia, o seu peso na oferta de aloxamento é xa moi relevante. Na Unión Europea supoñen 17,50% da oferta de aloxamento. No Estado español, as pernoctacións en vivendas de uso turístico sobre o total foron de 19.05% no ano 2022. En Galicia situámonos por riba da media europea e estatal, cun 22,73%, segundo datos de Eurostat, aínda experimentais no caso das VUT. 

Contestación social

As e os turistas son cada vez menos hóspedes e máis veciños. Isto leva a que rivalicen coa poboación local polo uso de determinados espazos e servizos, o cal pode ter consecuencias percibidas como negativas polos residentes. En destinos turísticos consolidados tal rivalidade leva a expresións de contestación, como demostran as recentes mobilizacións nas Illas Canarias e Baleares. Medidas como as aprobadas recentemente en Santiago de Compostela aparecen como a resposta das institucións públicas a este descontento social.

As e os turistas son cada vez menos hóspedes e máis veciños

As decisións en política pública relacionadas coas vivendas de uso turístico requiren aproximar os seus impactos. Cómpre comparar tales impactos con aqueles xerados polo sector tradicional hoteleiro e, en xeral, con outros usos alternativos a desenvolver no territorio. Moi probablemente, este exercicio deberá incluír medicións de carácter económico e fiscal. 

Pero tamén pode resultar relevante estudar como afectan estas novas formas de aloxamento á conformación, disolución e/ou capacidade de axencia das comunidades. Así mesmo, nun contexto de crecente conciencia medioambiental, moitas persoas estaremos interesadas en saber como afectan as vivendas de uso turístico á xeración de residuos ou ao emprego dos recursos naturais tanto nos ámbitos rurais como nos urbanos.

Socioloxía das VUT

Na actualidade atopámonos aínda comezando a cuantificar a magnitude deste fenómeno. Por exemplo, o Instituto Nacional de Estatística (INE) publica desde hai pouco información experimental sobre a presencia de vivendas de uso turístico para cada sección do censo de 2021.

Porén, aínda falta moito para termos unha imaxe completa. Non contamos cun epígrafe diferenciado para as vivendas de uso turístico na nosa contabilidade económica. Non coñecemos os patróns de consumo das persoas que se aloxan nesas vivendas, nin das que reciben rendas das mesmas. Non temos persoal dedicado a enquisar, entrevistar e realizar unha análise sociolóxica sistemática sobre como a cidadanía interactúa con esta nova forma de turismo. Non dispoñemos de indicadores medioambientais relacionados coa pegada medioambiental do turismo aloxado en vivendas.  

Espazos de debate

As políticas públicas sobre as vivendas de uso turístico chegaron para quedar en todos os niveis institucionais. A xeración de espazos de debate racionais sobre as mesmas depende en boa medida de desentrañar aquilo que todos nós xa podemos intuír: que a presenza desta nova forma de aloxar turistas altera positiva e/ou negativamente a vida nas nosas cidades, vilas e territorios. Seguramente teñamos, como sociedade, que aprender máis sobre o tema.

No caso compostelán, unha posibilidade pode ser a constitución dun observatorio permanente sobre turismo e vivenda. Unha institución que combine saber académico multidisciplinar coa aportación de movementos sociais e representación veciñal. Exemplos a seguir existen relativamente preto, véxase o Observatori Metropolità de l'Habitatge en Barcelona. A prórroga ata 2027 do Plan de Sostibilidade Turística pode ser a oportunidade para ensaialo.

Comentarios