Vivenda

As axudas ao alugueiro da Xunta non poden solicitarse para pisos co prezo medio da Coruña e Vigo

Os límites para a subvención réstalles utilidade nas cidades.
Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

A Xunta da Galiza abriu esta segunda feira o prazo para presentar as solicitudes para as axudas para o pago do aluguer. A convocatoria, que está dotada cun total de 20 millóns de euros para os anos 2024 e 2025, estabelece que as axudas que poden conseguir 60% do importe do aluguer no caso de que as persoas beneficiarias pertenzan a uns determinados colectivos, como menores de 36 anos, familias numerosas e monoparentais, emigrantes retornados a Galiza recentemente.

No resto dos casos a axuda será 50, 40 ou 30% do custo do arrendamento en función dos ingresos dos beneficiarios. Con todo, nas sete cidades non se poderán solicitar axudas para vivendas que superen os 600 euros de renda mensual, nas vilas e concellos urbanos esta contía cae a 550 euros e no resto da Galiza a 425 euros.

Os limites fixados polo Goberno galego deixan sen eficacia estas axudas naqueles concellos cos prezos da vivenda máis elevados. Así, por exemplo, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) da Xunta da Galiza situaba o prezo medio do aluguer en Vigo no pasado mes de decembro en 611 euros e na Coruña en 618 euros. Nun caso e noutro, a cantidade a pagar está por riba do tope fixado pola Administración galega para acollerse as súas liñas de axuda pública.

A historia repítese nos grandes municipios das área metropolitanas da Coruña e de Vigo e naqueles municipios con máis presión turística da Galiza litoral. Sen ir máis lonxe, en Cambre, nas proximidades da Coruña, o prezo medio do aluguer achégase a 580 euros, marcándose unha contía semellante en Culleredo.

Demanda

O Rexistro de demandantes de vivenda da aluguer da Xunta da Galiza tiña esta segunda feira inscritas 12.279 persoas. O parque de vivendas para arrendamento da Administración galega anda por volta de 3.000.

Comentarios