A Xunta aproba a utilidade pública dos eólicos da Neboada con fins expropiatorios

O proxecto localízase nunha área prioritaria para a protección da avifauna.
O parque eólico Neboada ameaza a supervivencia dunha das poucas parellas de aguias reais que habitan na Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O parque eólico Neboada ameaza a supervivencia dunha das poucas parellas de aguias reais que habitan na Galiza. (Foto: Nós Diario)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta segunda feira a resolución pola que fai público o acordo do Goberno autonómico que declara a utilidade pública do parque eólico de Neboada, que afecta os concellos de Vilamartín de Valdeorras e A Rúa (na comarca de Valdeorras), A Pobra de Trives e San Xoán de Río (Terra de Trives) e Quiroga e Ribas de Sil (comarca de Quiroga).

A Xunta da Galiza acordou no Consello decorrido o pasado 14 de marzo de 2024 outorgar a declaración de utilidade pública así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros e aproveitamentos forestais, das instalacións eléctricas previstas no marco deste proxecto promovido por Maia Directorship S.L.

A declaración de utilidade pública durante a tramitación administrativa dun proxecto eólico suprime, desde a aprobación da lei de depredación (2017), a obrigatoriedade de xustificar os procesos de expropiación de terras necesarias para a instalación das infraestruturas eléctricas previstas e sortear a negativa das persoas propietarias cando non están de acordo. Na práctica garante unha expropiación urxente.

Ademais, o Goberno galego declarou a compatibilidade do parque eólico cun dereito mineiro afectado, "o correspondente co permiso de investigación 'Manuela I número 4490'", así como a compatibilidade do parque eólico cunha vintena de montes veciñais en man común cuxa utilidade pública decae en favor da da empresa promotora.

Fauna ameazada

O parque eólico Neboada, cuxa suspensión cautelar desestimou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza o pasado mes de marzo, fai parte dun único macroproxecto xunto cos parques Orballeira —tamén de utilidade pública— e Xeada, "resultado dunha fragmentación artificial para esquivar unha avaliación ambiental rigorosa", mantén a asociación ecoloxista Adega. "Os tres comparten infraestruturas e as súas poligonais atópanse superpostas. Ademais, están promovidos por tres sociedades –Maia, Sinagra e Neiva– radicadas en Madrid que forman parte da mesma matriz".

O proxecto, que prevé catro aeroxeradores de 220 metros de altura e unha potencia instalada de 25,2 MW ocupará o corredor ecolóxico de tres espazos naturais protexidos —ZEC Ancares-Courel, ZEC Macizo Central e ZEC Enciña da Lastra— que "afectará de forma crítica a única parella de aguia real" que se conserva na contorna, das poucas existentes na Galiza.

Ademais, os aeroxeradores do macroproxecto eólico, un total de 10, localizados nos límites da Rede Natura 2000, "poderán verse desde miradoiros e rutas de sendeirismo", un impacto sobre a paisaxe que segundo Adega minguará o interese da contorna do encoro de San Martiño e de espazos como os montes de Cernego ou a serra de Enciña da Lastra.

No marco da campaña 'Ti podes paralos' Adega recorreu tanto a autorización administrativa previa como a autorización de construción do parque da Neboada, ao tempo que solicitou a suspensión cautelar do proxecto para impedir o inicio das obras ata que non haxa sentenza, dous procedementos sobre os que a xustiza aínda non se pronunciou. "Cos mesmos argumentos xa paralizou o parque de Xeada e outros dous próximos: Treboada e Vetumelo, polo que entendemos que non debera haber motivo para paralizar Neboada e Orballeira", explica a Nós Diario a secretaria executiva de Adega, Belén Rodríguez.

Declaración ambiental favorábel para o eólico Serra da Fracha


A Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén fixo pública onte, a través do Diario Oficial da Galiza, a declaración ambiental favorábel do parque eólico Serra da Fracha, promovido por Eólica Santa Teresa, S.L.U. na comarca de Pontevedra, no linde entre os municipios de Pontevedra e Castro Caldelas.

O proxecto conta co informe favorábel da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, desde o punto de vista da protección destes bens; co favor da Dirección Xeral de Patrimonio Natural que non prevé "efectos significativos" sobre a preservación do patrimonio natural e a biodiversidade e co visto e prazo tanto da Dirección Xeral de Saúde Pública como de Augas da Galiza, que non estima "impactos ambientais significativos" sobre os recursos hídricos, malia os argumentos en contra do Concello de Ponte Caldelas e a comunidade de Baltar.

Comentarios