A cultura dos xogos populares, AFondo

Transmitidos de xeración en xeración, os xogos tradicionais son máis un elemento da nosa identidade como pobo. Mergullámonos na súa historia e aprendizaxe nun caderno de análise coordenado polo xornalista Antón Escuredo e que poderás atopar no nº79 do semanario. Só en papel.

xogos
photo_camera Capa do AFondo nº49


Sabías que o 11 de novembro Galiza conmemora o Día da Buxaina? E que en 2013 se realizou en Ourense por vez primeira no noso País un encontro europeo de xogos tradicionais? Coñeces a Brinquedia, a galipedia do divertimento con ADN galego? Que nos poderías contar da actividade da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional? Botaches algunha partida á billarda? 

Se che interesa un mergullo na nosa cultura a través da maneira en que nos divertimos non deberas perder o último caderno de análise, xa nos quiosques e na nosa loxa acompañando, como é habitual, o novo número do semanario en papel de Sermos Galiza.

Que vas atopar?

O xornalista Antón Escuredo sintetiza en oito páxinas a importancia de manter esta curiosa tradición, a dos xogos, máis un sinal da nosa identidade. Faino a través dunha conversa co mestre Antón Cortizas, autor de Chirlosmirlos: Enciclopedia dos xogos populares e de Tastarabás: Enciclopedia de brinquedos tradicionais. Grazas a estas dúas compilacións sabemos que @s galeg@s sabemos divertirnos e sabemos moito diso que chaman 'xogar en equipo'. 

Nunha dupla páxina, César Camoira, membro da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, cóntanos como mesmo na longa noite de pedra que sufriu a cultura galega "os xogos nunca morreron". As asociacións veciñais e culturais foron as encargadas de lles dar osíxeno para que as regras da chave ou dos birlos chegaran até os nosos días. 

O mestre e etnógrafo Mario Saavedra agasállanos neste AFondo con lembranzas, soños e historias dos bolos. Mellor aínda, do club de bolos O Cadaval de Pacios, en Castro de Rei. Aliás, todo o que cómpre saber para xogarmos á chave explícanolo de maneira didáctica e amena David Castelo, secretario da Federación Galega da Chave. 

O caderno péchao Xermán Viluba, integrante da Liga Nacional de Billarda. Para che pór o mel nos beizos rematamos este resumo cun bocadiño da súa reportaxe: "Cada Aberto de Billarda é unha loita pola supervivencia dun deporte, dunha cultura e, sobre todo, dunha maneira de se relacionar. En cada recuncho do País, cada fin de semana, mulleres e homes alegres e combativos auto-organízanse de xeito alleo ao xugo institucional".

Gostaches? Queres seguir lendo? Faite co nº49 do caderno AFondo! Telo ao teu dispor nos quiosques e puntos de venda habituais, mais tamén na nosa loxa por só 0,50€