De 'intentos de amedrentar' e da 'candura' dun alto cargo de 34 anos: así informa a imprensa sobre as fotos de Feijóo no barco dun narco

Así informa a imprensa sobre as fotos de Feijóo no barco do contrabandista Marcial Dorado, hoxe condenado por narcotráfico. As imaxes foron difundidas este domingo polo diario El País

  • Sobre fotos de políticos en barcos e a dobre vara de medir de La Voz

No lateral, en letra pequena e no terceiro posto por orde de importancia, despois do anuncio dun cupón co que se pode adquirir unha copa de viño. Así coloca La Voz de Galicia na súa capa da edición en papel desta segunda feira a chamada á información que ofrece no interior sobre a publicación de imaxes en que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sae acompañado do contrabandista Marcial Dorado, hoxe encarcerado por narcotráfico. 

O xornal non chega a dedicar a esta noticia unha páxina completa. Titula a catro columnas 'A oposición urxe a Feijóo aclarar a súa relación con Marcial Dorado' e non reproduce ningunha das seis fotografías que deu a coñecer este domingo o diario español. A información, centrada na explicacións de Feijóo de que as imaxes "foron descartadas en diferentes operacións xudiciais por irrelevantes", aparece ilustrada cunha imaxe de Dorado de 1999 entrando nos xulgados de Baracaldo para declarar por contrabando de tabaco, e con outra máis pequena do presidente da Xunta correspondente aos seus anos de alto cargo na secretaría xeral de Sanidade. 

A "irrelevancia" que o titular do Goberno galego atribúe ás fotos contrasta coa présa con que publicou un comunicado oficial, á unha menos cuarto da madrugada dun día feriado. Por derradeiro, La Voz apunta é a "intención de me amedrentar" que o conservador achacou a dirixentes do PSOE, que o terían "ameazado" con filtrar as imaxes á imprensa "se o PP non suavizaba os seus ataques" durante a campaña electoral de 2009. A mesma campaña en que o ABC recuperou unha imaxe de Anxo Quintana no iate de Jacinto Rey que La Voz si reproduciu nunha información que ía precedida das palabras 'Polémica imaxe'. 

Nas páxinas de Opinión, Xosé Carlos Caneiro non decepciona. Nun breve artigo titulado 'Feijóo e a pipa de Magritte', defende que "as imaxes non son o que algúns postulan", ensalza a "dilixencia, honestidade e entrega ao servizo público" do titular da Xunta e aplaude as súas explicacións porque "se gardase silencio sería cómplice das traición das imaxes".
 

  • ABC: media páxina riba dun anuncio de 'Mystic River'

O diario monárquico que filtrou a imaxe de Quintana sentado na cuberta do barco do construtor, publicándoa no medio e medio da súa capa correspondente ao 25 de febreiro de 2009 baixo o titular 'O BNG, vento en popa a todo luxo', pasou desta ansia informativa a non publicar nin unha liña na capa desta segunda feira sobre as fotos doutro barco: desta volta quen vai na cuberta é Feijóo e o acompañante non é un empresario, senón un condenado por narcotráfico. 

Tampouco reproduce este xornal ningunha das seis imaxes de El País e dedican media páxina a informar de que 'Feijóo cortou o contacto con Marcial Dorado cando soubo que a Xustiza o investigaba'. Tres liñas ao final da información son as únicas que non reproducen a explicación ofrecida polo presidente da Xunta: din que "os tres partidos da oposición xa pediron unha comparecencia urxente e incluso a demisión de Feijóo". A imaxe é do titular do Goberno galego na actualidade.

Debaixo da noticia, ABC publica un anuncio do agasallo do domingo que vén: un dvd de 'Mystic River', a arquipremiada historia dirixida por Clint Eastwood duns amigos marcados por un feito transmático da infancia que se atopan de novo na idade adulta. Un argumento que evoca o ofrecido por Feijóo cando insiste en que as imaxes con Dorado foron tomadas hai 20 anos, querendo destacar a 'candura' que ao seu xuízo debe ser propia dun alto cargo de 34 anos de idade.
 

  • El Mundo non di nada e El Correo Gallego repite o que di Feijóo

O xornal español El Mundo non recolle nas súas 44 páxinas nin un despece dedicado ás fotos que publicou El País. Quen si leva o tema á capa é El Correo Gallego, que abre edición intitulando 'Núñez Feijóo insinúa que o intentan amedrentar'. En dous destacados acrecenta que 'O presidente di que rompeu a súa relación con Marcial Dorado tras coñecer as súas causas pendentes' e que, malia isto, 'A oposición tírase á súa xugular'. Non di nada o diario compostelán de que no ano en que se tomaron as imaxes, 1995, Dorado xa fora detido dúas veces por contrabando de tabaco. 

Páxina e media dedica El Correo a informar da que foi noticia do día este domingo, recollida incluso pola imprensa de fóra do Estado como o italiano Il corriere della sera. A fotografía é tamén dun Feijóo actual, sen reproducir ningunha das editadas polo diario de Prisa. Inclúe a versión de todas as forzas políticas con representación parlamentar, tamén a o PPdG, que acusou a BNG, PSOE e AGE de recorrer ao "amarelismo político".
 

  • Faro de Vigo si publica unha foto de Feijóo no barco de Dorado 

É o único xornal que o fixo. Unha imaxe do presidente da Xunta na embarcación do contrabandista, na Ría de Vigo, aparece no Faro de Vigo, que abre coa polémica noticia a sección 'Galiza' e dedica un despece a catro columnas para informar de que 'BNG e AGE piden a demisión do presidente e o PSdeG esixe a súa "comparecencia urxente" no Parlamento. 

O resto da páxina é para explicar o posicionamento de Feijóo perante a difusión das fotografías, recollendo incluso as declaracións que este domingo realizou á Cadena Ser. O titular vai para a tentativa de "amedrentar" ao conservador que, segundo el, persegue a publicación das fotos.
 

  • El Progreso cala na capa e abre a sección 'Galiza'

O diario local de Lugo dedica a primeira páxina da sección 'Galiza' a informar das polémicas imaxes que puxeron Feijóo contra as cordas, obrigándoo a emitir un comunicado na madrugada dun domingo. Dúas fotos, unha de Feijóo e outra de Dorado, cada un polo seu lado, ilustran unha información que coloca nun destacado as explicacións dun escurridizo presidente: "Descoñecía quen era", di o conservador, empecinado en convencer de que el non sabía a que se dedicaba Marcial Dorado malia recomendarlle a Quintana que mirase en compaña de quen se facía fotos.

Ao carón, unha columna para as reaccións do PPdG e da oposición e no fondo da páxina, a cinco columnas, un artigo de opinión que Pilar Cernuda publicou tamén en El Correo Gallego. Titulado 'Xogo sucio', arrinca cun "Pois si, vou defender a Núñez Feijóo sen complexos".

Comentarios