Tras máis de tres meses de negociacións entre as forzas políticas chilenas para reactivar o proceso constituínte após imporse o rexeito no plebiscito sobre a proposta de Constitución redactada pola Convención Constitucional, os partidos anunciaron na madrugada da terza feira un pacto para relanzar o proceso, que acabaría cun referendo de voto obrigatorio o 26 de novembro de 2023.
O procedemento acordado dista moito da anterior ocasión e choca coa decisión da poboación no denominado plebiscito de entrada en 2020, cando, amais de ser aprobado por 78% das e dos votantes substituír a norma constitucional sancionada polo ditador Augusto Pinochet, até 79% dos sufraxios decidiron que tiña que ser unha convención elixida democraticamente e non unha convención mixta (parte de membros electos e parte elixida polo lexislativo) a responsábel de impulsar unha nova carta magna.
Nesta oportunidade, crearanse tres órganos, unha Comisión Experta, un Consello Constitucional e un Comité Técnico de Admisibilidade. A primeira terá 24 membros seleccionados polo Congreso e ficará encargada de presentar un anteproxecto de Constitución.
A partir dese texto, o Consello paritario de 50 integrantes que serán determinados por votación popular en abril deseñará a nova proposta, e entrementres, o Comité Técnico de 14 xuristas avalados polo lexislativo revisará a legalidade dos artigos.
“O pobo de Chile deunos unha segunda oportunidade e temos o deber de estar á altura”, defendeu o presidente, o progresista Gabriel Boric, que considerou que o acordo entre todas as forzas con representación constitúe “un paso decisivo por unha mellor democracia”, salientando que “todos tiveron que ceder” e instando o Congreso a aprobar unha lei que leve á práctica este concerto.
Así e todo, o que é seguro é que a proposta que será votada en 2023 incluíra moitos máis elementos conservadores que a rexeitada en setembro -e que de aprobarse se tería convertido nunha das cartas magnas máis progresistas do mundo-, como fixan as 12 bases constitucionais pactadas, nas que se mencionan garantías ao "dereito á vida" -terminoloxía conservadora para oporse ao dereito ao aborto-.
Tamén se recolleu o “desenvolvemento progresivo dos dereitos sociais”, pero “con suxeición ao principio de responsabilidade fiscal”, e recoñece os pobos indíxenas como parte de Chile, mais ratificando que é “unha e indivisíbel”.
Ao tempo, féchase a posibilidade de mudanzas nas principais institucións, para evitar a desaparición do Senado como propugnaba a primeira proposta.