Voces de Palestina

Alaa Zagha, veciño de Ramallah: "A maioría do pobo palestino quere que pare agora mesmo esta tolemia"

Alaa Zagha é veciño de Ramallah, na Cisxordania ocupada por Israel. Tras sobrevivir en febreiro a un ataque de colonos, que queimaron o seu coche, fala con Nós Diario para dar testemuño da situación que está a sufrir o territorio palestino.
O veciño de Ramallah Alaa Zagha antes do comezo da guerra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O veciño de Ramallah Alaa Zagha antes do comezo da guerra. (Foto: Nós Diario)

O Alto comisionado da Organización das Nacións Unidas advertiu onte da "rápida deterioración" do conflito en Cisxordania, cun "aumento do uso ilegal da forza letal por parte de Israel" que xerou máis de 80 mortes até o de agora, ao que hai que engadir o incremento dos ataques de colonos e das expulsións de comunidades palestinas.

—Que implica vivir en Cisxordania neste intre?

Neste momento xa non hai conflito, é unha guerra, aínda que para os palestinos agora Cisxordania é máis seguro que Gaza, por exemplo a quinta feira houbo unha operación do Exército nun campo de refuxiados na que mataron máis de 10 palestinos, pero polo xeral en Cisxordania houbo sobre todo protestas para parar a guerra en Gaza, porque alí a xente non ten auga, electricidade nin comida, están completamente bloqueados. 

—Como evolucionou a situación nos últimos meses?
Desde xullo, cando foi o ataque contra o campo de refuxiados de Xinin, a situación arrefriouse entre agosto e setembro. En outubro, durante as festividades xudías, os colonos intentaron entrar na mesquita de Al Aqsa sen respectar as normas do lugar e acosaron as persoas que rezaban, xunto a moitos ataques en Xerusalén. Hamas quería reaccionar a todo o que aconteceu este ano, como o que pasou en Hawara, en Xinin, en Nablus, todos os ataques de colonos contra palestinos.

Ao respecto dos intentos de anexión, un día podes ir traballar a túa terra e os colonos acósante, os militares apóianos e marcan novas fronteiras e así perdes a túa terra, ou recibes una notificación de que xa non se che permite volver. A xente loita, únese para protestar, pero só se consegue algo de apoio internacional cando algo se fai viral.

—Que lle trasladarías á comunidade internacional?
O que queren os palestinos e quedar na súa casa e non permitir que os boten fóra, eu e todos os palestinos queremos ter o noso propio Estado, queremos ter un país independente, non que nos boten das nosas casas e terras, pero Estados Unidos apoia Israel en todo o que fan, en calquera crime de guerra que comete en Gaza.

A maioría do pobo quere que pare agora mesmo está tolemia, que rematen as mortes de civís, por suposto os palestinos non queren que morran máis israelís, ambos os dous lados teñen dereito a defenderse, mais a uns dinlles terroristas e aos outros que si teñen dereito a defenderse.

Comentarios