Victor Ternovsky, xornalista e analista político ruso

"A aposta de Rusia para Ucraína é a paz e o diálogo"

Victor Ternovsky é un coñecido analista internacional ruso e xornalista de longa traxectoria en diversos medios de comunicación do seu país. Hoxe, a partir das 20 horas, participa nunha palestra da asociación Mar de Lumes e a Fundación Galiza Sempre, que se pode seguir polas redes sociais de ambas as entidades.

Eulix0fWYAM6vF0
photo_camera O xornalista Victor Ternovsky participa hoxe nunha palestra sobre o conflito OTAN-Rusia. (Foto:@TernovskyVictor).

Que valoración fai da situación que se vive hoxe en Ucraína e da crise aberta entre Rusia e os Estados Unidos?

Ucraína é unha liña vermella para Rusia. A expansión da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) para o leste está vulnerando as promesas realizadas polos Estados Unidos após a desaparición da Unión Soviética. Naquel momento, os dirixentes estadounidenses comprometéronse a non cruzar o eixo formado polo Báltico e o Mar Negro.

Porén, ese eixo foi cruzado en moitas ocasións. Tanto é así que os Estados Unidos e os seus aliados están realizando manobras no Mar Negro e contan con continxentes permanentes en territorios ao leste deste eixo. Se a OTAN instala mísiles en Ucraína, Rusia está en perigo e non podemos tolerar correr ese risco para a paz.

Neste contexto que propostas está lanzando a parte rusa para superar o conflito?

Abonda con ver as alternativas formuladas por unha e outra parte para saber quen está pola paz. Rusia propuxo e segue propondo acordos para avanzar nunha saída negociada e desescalar a tensión. Así, reclamámoslle a Estados Unidos o seu retorno ao tratado sobre mísiles de curto e medio alcance, que abandonou de modo unilateral durante o Goberno de Trump. Ao tempo, propuxémoslle un pacto para que ningún país instale mísiles fóra do seu territorio pero tamén se negaron a aceptar esta oferta.

Mentres os Estados Unidos despregan tropas e material de guerra moi perto de Rusia, nós non temos colocado ningún mísil fóra das nosas fronteiras. É unha mágoa que os Estados Unidos e os seus parceiros da OTAN estean empeñados en boicotear as iniciativas pacifistas rusas. En todo caso, a aposta de Rusia para Ucraína é a paz e o diálogo.

Como explica a posición mantida polo Executivo estadounidense en Ucraína?

Hai conexións que revelan a existencia de intereses moi importantes en Ucraína. Estados Unidos é un grande produtor de gas natural licuado e quere evitar que o gas ruso chegue a Europa. Neste contexto, reserva un papel importante a Ucraína como hub europeo do gas para favorecer a entrada do produto estadounidense no espazo europeo.

Por outra parte, abonda con ver algunhas imaxes de Ucraína para coñecer a relación do seu Goberno coa extrema dereita. As persoas que colaboraron con Hitler son consideradas como heroes polas autoridades dese país e estamos falando de persoas que  participaron da política de exterminio durante a II Guerra Mundial.

Que valoración fai da política mantida en relación con este tema pola Unión Europea?

Unha cousa son as alternativas dos Gobernos e outra a opinión do seus cidadáns. Sen ir máis lonxe, hai moitísimos homes de negocios dos Estados da Unión Europea moi molestos con esta política.

Comentarios