Carles Puigdemont, candidato de Junts: "Buscan a foto da humillación e nós temos o deber de evitalo"

"Se se repiten eleccións, as nosas opcións son maiores que as de Illa ou calquera outro", di Carles Puigdemont (Amer, 1962), candidato de Junts nas eleccións catalás. Entrevistámolo en Argelers, en Catalunya Norte, desde onde está a facer campaña, xusto no ecuador da mesma, ao día seguinte dun debate electoral televisivo no que non puido participar. Aínda xoga cunha man atada ás costas, pero por primeira vez desde o exilio fai campaña con mitins presenciais, e impresiónao volver sentir "esa calor dos grandes mitins".  
Carles Puigdemont durante a entrevista (Foto: Albert Salamé / VWFoto).
photo_camera Carles Puigdemont durante a entrevista (Foto: Albert Salamé / VWFoto).

E estamos a poucas semanas do seu regreso. Como o vive? 
Hai seis anos e medio que nos adestramos para este tipo de escenarios e, por tanto, tómoo coa mesma actitude coa que aguantamos todos estes anos, todos os golpes, ataques... En fin, con moita serenidade e con moita responsabilidade, sen ningunha présa especial, pero tendo moi claro que xa estamos ao final dun longo camiño e que esperamos que termine ben.

—Emocionalmente debe ser complicado. 
Si, porque foron anos nos que emocionalmente houbo impactos. E recentemente morreu a miña nai. E tamén ver a xente despois de tantos anos de pantallas intermedias e de facer campañas electorais a distancia, facelo agora presencial, facer mitins con esa calor que teñen os grandes mitins, emocionalmente é moi impactante e cárganos as pilas.

—E xa pensou en como será o regreso? Teno decidido?
É un elemento secundario, o que me interesa do regreso é o que representa desde un punto de vista político e tamén simbólico de devolver á institución, á Presidencia da Generalitat, que quixeron humillar, extraditar e encarcerar. Como se faga é secundario, e tampouco pensei exactamente niso. Creo que deberá ser un acto de país, non pode ser de partido, nin persoal nin de partido.

—É bastante posíbel que a orde de detención non estea levantada cando regrese. Cando cruce a fronteira, un funcionario de policía pode detelo. Está preparado para iso?
Estou preparado por se a xudicatura española incumpre a lei. Temos claro o que temos que facer nese suposto. Estou preparado tamén para facer fronte a calquera intento de detención. E tamén estou preparado para velar por que non saian impunes.

—Podería ser mesmo que o levase a Madrid.
Podería ser, porque creo que morren de ganas de que iso pase. Dá igual. Eu xa sei por que queren facelo. Eles saben que estarán a incumprir a lei. Pero a min iso non me desviará de volver ao Parlament de Catalunya, que é de onde nunca debeu saír a Presidencia da Generalitat. 

—A lei impide que o encarceren.
Si, pero tratándose da xudicatura española, todo é posíbel. Tamén buscan a foto simbólica da humillación despois de tantos anos en que non a puideron ter. E nós temos o deber de tentar evitalo.

—A morte da súa nai coincidiu co momento culminante da manobra de Pedro Sánchez. Como o encaixou?
Decidín coa miña esposa e as miñas fillas que non fariamos enxeñaría emocional da nosa dor para tentar obter un rédito político. Todos estes anos non fixemos ningunha concesión ao sentimentalismo nin á explotación deshonesta dos sentimentos da boa xente. Sería fácil romper o corazón da xente usando o teu sufrimento familiar. Nós non o fixemos. Eu sabía que a miña nai pasaba as súas últimas horas mentres facía os mitins aquí e vía todo o espectáculo que montaran os señores de Madrid.

—As enquisas indican un gran número de indecisos. Que mensaxes lles lanza?
Temos dous retos: un, o dos indecisos, que son persoas que xa decidiron votar. O outro, os abstencionistas, que neste caso impactan moito máis directamente no campo independentista que no españolista. Quen aínda non decidiu o seu voto debe debaterse entre as dúas únicas opcións que poden gobernar este país: o señor Illa, que é máis do mesmo que levamos décadas aguantando, espolio fiscal, a negativa permanente de Madrid ás reivindicacións lexítimas dos cataláns, usar, se convén, a guerra sucia... Ou a opción que representamos nós, que é a da autoestima, a da recuperación nacional. Este 20% de persoas indecisas debe elixir en que país quere vivir, e é agora o momento de decidilo. 

—Preocúpanlle máis as persoas abstencionistas.
Padecemos a estratexia deliberada de fomentar a deserción das urnas dunha parte do electorado independentista como vinganza contra os políticos que non o fixemos de todo ben. A estas persoas non lles pedimos un gran sacrificio nin un grande esforzo, senón o pequeno esforzo e o pequeno sacrificio de saír de casa para ir votar, de romper a súa actitude de resistencia abstencionista, e de depositar unha papeleta que probabelmente non lles convenza do todo. Calquera que sexa. Obviamente interésanos que voten a nosa, pero calquera voto independentista vénnos ben.

—Este abstencionista que queda na casa porque pensa que os decepcionaron quizais lles pidan autocrítica.
Creo que fixemos autocrítica por encima das nosas posibilidades. Fixemos cousas das que sentimos moi orgullosos, e ás veces este acceso de autocrítica e de autoflaxelación impediunos ter esa autoestima nacional de vernos capaces de facer cousas moi grandes, como país. É verdade que non todo o fixemos ben, pero no momento de máis división e de máis desmobilización, é cando máis maduros estamos, cando máis coñecemento temos do noso adversario, do contexto internacional e do marco xurídico. 

Se hai algunha posibilidade de recuperación, que a hai obxectivamente, debemos facela entre todos; e non só os políticos, por máis que nos autoflaxelemos, que digamos e ensinemos que agora o faremos así, ou o faremos asá. Porque creo que este é un erro que tampouco debemos cometer, que xa sabemos que non faremos a independencia cantando o Virolai.

—Dise que é quen ten máis opcións de ser investido nunha segunda votación por maioría simple. Por que?
Porque hai suficiente masa de voto independentista e haberá suficiente representación de deputados no Parlament como para consolidar unha maioría bastante sólida que acompañe un goberno. E porque en ausencia dunha maioría absoluta alternativa, o candidato españolista só pode obter apoios para conseguir esa maioría se conta co voto favorábel do PP, cousa que non é descartábel, porque xa o vimos no Concello de Barcelona. Pero non é tan probábel como que os independentistas sigamos poñéndonos de acordo. A distancia que hai entre nós é máis pequena que a distancia que hai entre nós e un bloque que aprobou o 155 e que o quere volver aprobar se é necesario.

—Se son a primeira forza independentista e optan á investidura, a presidencia do Parlamento debería recaer en ERC?
É perfectamente posíbel porque sempre foi así. Na medida en que poida haber unha maioría independentista tamén na mesa temos que pórnos de acordo. Non será un problema. 

—Se é presidente, querería que ERC formase parte do goberno?
Por suposto. A miña intención é esa, porque un dos elementos da continuación do proceso de independencia é a unidade e é compartir axenda, frontes, estratexias, e a parte máis importante desta unidade e desta estratexia é o goberno de Catalunya.

—Querería tamén restituír conselleiros de outubro de 2017?
Non estamos na lóxica da restitución, que si que era a maneira de responder ao 155 cando nos impedían estar. O nomeamento de conselleiros responderá ás necesidades que temos agora mesmo como país, que son moitas, con perfís de solvencia. Proporemos cambios profundos. 

—Tanto Esquerra como vostedes propoñen un referendo pactado baixo o amparo do artigo 92 da constitución española. Iso quere dicir que o referendo debería convocalo o Goberno español?
Depende, hai moitas maneiras de convocalo, pode haber tamén unha delegación da competencia. Dá igual. O importante é que os cataláns poidamos decidir nun referendo recoñecido que queremos para o noso futuro. Só un referendo acordado podería substituír o do 1 de outubro. Se non hai un referendo acordado, o referendo que vale é o do 1 de Outubro. O importante é que se convoque e que teña un censo compartido, unha autoridade electoral independente, o recoñecemento dos estándares que a comunidade internacional esixe, e particularmente a Unión Europea, e que comprometa o seu resultado ao Estado español.

—Simultaneamente á negociación co PSOE debe haber a preparación da vía unilateral. Como se debe facer?
O Consello da República ten un papel importantísimo nesta etapa. Sobre todo se o que debemos facer é, en paralelo, prepararnos para exercer os nosos dereitos da forma que sexa, democraticamente e de maneira non violenta. Empézase por aquí. Restaurar a unidade, restaurar a conversación, pór todos os activos sobre a mesa, analizalo ben, para saber mellor cales son os pasos que debemos dar e cal é o marco no que debemos movernos.

—Cunha sociedade hoxe en día desmobilizada.
A xente non se mobilizará porque si, porque toques o chifre, se non se ve que hai unha idea moi asertiva de como podemos continuar. A xente tampouco nos pide unha fórmula maxistral. A xente pide que sexamos asertivos. O primeiro gran reto, que debemos resolver en semanas, é que nos volvamos pór de acordo niso. E fíxate que a pesar da desmobilización, o enfado e a represión, o apoio á independencia é moi grande. 


"Equivocámonos se falamos de migración só porque o fai a ultradereita"

Sobre como poder neutralizar o discurso de Vox e de Alianza Catalá sobre inmigración, Carles Puigdemont responde: "Equivocámonos se falamos da inmigración só porque o fai de ultradereita. O erro que cometeron tanto a democracia cristiá como a socialdemocracia foi non querer falar diso, facer ver que non había un fenómeno que nos impacta en moitas políticas do país. Facer ver que non hai un reto demográfico sobre a mesa, por medo a que se falaban diso habería grupos moi mobilizados da extrema esquerda que os etiquetarían de xenófobos". "Pasounos cando pedimos a competencia de inmigración. De feito, somos os únicos que facemos unha proposta catalá. É incómodo, pero un goberno que teña visión de Estado debe querer asumir as políticas nacionais. O reto demográfico que temos é moi grande: temos unha das natalidades máis baixas do mundo, e veremos un envellecemento da poboación. E temos unha taxa de crecemento da poboación de persoas de fóra moi superior á doutras autonomías".

Comentarios