Após promulgar a reforma das pensións que eleva de 62 a 64 anos a idade de xubilación en Francia, o presidente Emmanuel Macron lanzouse a un percurso polo país facendo novos anuncios de medidas políticas coas que busca relanzar a lexislatura no marco do rexeitamento de dúas de cada tres francesas e franceses segundo as enquisas, catro meses despois do comezo das mobilizacións.
Así e todo, as protestas e marchas contra el estanse a converter na tónica xeral destes desprazamentos, que xeraron múltiples accións entre as que destacou onte o corte de luz no aeroporto de Montpellier e nun colexio de Hérault, que levou a cabo a Confederación Xeral do Traballo durante a presenza de Macron.
As cazoladas, que se estenderon durante o discurso do mandatario a comezos desta semana, estaban previstas, ao que Macron contestou que o seu uso é “para cociñar na casa”, tras recibir hai dous días o impacto na cara dun ovo lanzado polos manifestantes. Arredor deste tipo de protestas, a prefectura de Hérault prohibiu desde o serán da cuarta feira até as 18 horas de onte “o uso de aparatos de son portátiles ou que emanen de vehículos non autorizados”, polo que a Policía confiscou as cazolas que portaban os manifestantes.
Esta decisión foi criticada polas forzas progresistas. O voceiro do Partido Comunista francés, Ian Brossat, destacou que “agardamos con impaciencia o proxecto de lei que prohibirá a venta de cazolas”, mentres Sandrine Rousseau, deputada dos Verdes, inquiriu se “é posíbel saír dunha crise democrática prohibindo as cazolas”.
Perante os comentarios dos veciños de Hérault, que o instaron a renunciar, Macron afirmou que non dimitirá. Xa en París, un grupo de manifestantes entrou nas oficinas do operador de bolsa Euronext, exixindo que as grandes empresas paguen máis impostos para financiar o sistema de pensións.
Persecución política contra un editor
As mobilizacións contra a reforma impulsada por Macron provocaron tamén críticas pola resposta das forzas de seguridade e do Executivo, que chegaron a deter unha persoa por insultar a Macron nas redes sociais.
Nese sentido, 30 editores franceses asinaron unha carta na que cuestionan a persecución política contra Ernest Moret, traballador de dúas editoriais críticas co Goberno, que foi arrestado en Londres utilizando a Lei antiterrorista británica pola súa participación nas protestas en Francia contra a reforma das pensións.