Chile dixo adeus á constitución de 1980, elaborada baixo o réxime de Augusto Pinochet e que, embora a media ducia de reformas ao longo destas catro décadas, seguía vixente a día de hoxe.
Os resultados non deixan lugar a dúbidas sobre o amplo desexo de acabar co actual modelo económico protexido constitucionalmente: o 78% votou a favor de que a Constitución de 1980 sexa derrogada e substituída por outra .
“Quere vostede unha nova Constitución?”, era a pregunta que responderon os chilenos. “Aprobo” ou “rexeito” eran as dúas posíbeis respostas. 78% dos votantes ( máis de 5.800.000) optou por dar carpetazo ao texto nado na ditadura, mentres que o rexeitamento a mudalo foi apoiado por apenas o 22% (1.600.000). A participación nesta consulta foi levemente superior a 50%.
Votouse, logo, por un cambio do cuestionado modelo económico que consagraba a constitución de 1980 e que confía constitucionalmente ao libre mercado dereitos básicos como a saúde, a educación ou as pensións.
Votouse, logo, por un cambio do cuestionado modelo económico que consagraba a constitución de 1980 e que confía constitucionalmente ao libre mercado dereitos básicos como a saúde, a educación ou as pensións.
Había unha pregunta máis. Os electores tiñan que decidir se aproban ou rexeitaban o inicio dun proceso para a redacción dunha nova Constitución, a cargo ben dunha Convención Constitucional -paritaria, integrada por cidadáns electos para este propósito- ben dunha Convención Mixta -formada por 86 cidadáns electos e 86 parlamentarios designados polo Congreso-, unha escolla que tamén recolle o sufraxio. A escolla maioritaria foi pola primeira opción, a de cidadáns electos.
Pulando por este cambio que vén de ser aprobado nas urnas estaban unhas 130 organizacións sociais e partidos do arco ideolóxico da esquerda. Mais tamén forzas políticas que transitan entre o centro e o conservadorismo se amosaron publicamente favorábeis ao "Aprobo".