Comeza en Arabia Saudita a reunión sobre o plan de paz de Kíiv

Beijing confirma que participará na xuntanza coa India ou o Brasil, aínda así, a meirande parte dos participantes son membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte.
Volodimir Zelenski. (Foto: Europa Press / Contacto / President Of Ukraine)
photo_camera Volodimir Zelenski. (Foto: Europa Press / Contacto / President Of Ukraine)

Este sábado inicia en Jeddah, Arabia Saudita, un encontro que se prolongará até o domingo de altos funcionarios de arredor de 40 Estados que abordarán a proposta de paz ucraína, e no que Kíiv intenta crear un consenso arredor das súas reclamacións que lle outorgue unha posición favorábel en hipotéticas conversas de paz con Rusia.

Nese sentido, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, reiterou que non negociarán co Kremlin até que as tropas rusas abandonen o que considera territorio ucraíno.

Li Hui, enviado especial chinés para Asuntos Euroasiáticos, confirmou esta sexta feira que estará en Jeddah, subliñando que “a China está disposta a traballar coa comunidade internacional para seguir a desempeñar un papel construtivo na promoción dunha solución política á crise en Ucraína”. Li foi designado polo Executivo asiático para encabezar as negociacións de paz que poñan fin ao conflito, o que o levou a reunirse con Kíiv e Moscova.

Malia que tamén acudirán representantes da India ou o Brasil, a meirande parte dos países que formarán parte da xuntanza son membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte.

Zelenski subliñou que agarda que a reunión sexa o primeiro paso para unha “cimeira de paz” no outono, na que buscará apoio para as condicións fixadas na súa proposta de paz.

Pola súa parte, o Kremlin defendeu que “calquera intento de promover un acordo pacífico merece unha avaliación positiva”, pero criticou a “fórmula de paz” ucraína por non abordar a “perda de dereitos dos rusofalantes”, que “continúa a toda velocidade”, facendo fincapé en que os países occidentais se ergueron “en defensa dos nazis de Kíiv” e procuran “atraer o maior número posíbel de países para que cando menos haxa unha aparencia de debate”.

En todo caso, diplomáticos de membros da OTAN citados por Reuters indican que “é moi pouco probábel que se apoie toda a fórmula de paz de Zelenski  nas conversas”.

Riad abandona o papel de paria internacional

A xuntanza tamén permitirá a Arabia Saudita “pulir as súas credenciais como pacificador”, explica o medio Politico, superando o papel de “paria dos dereitos humanos” que obtivo a nivel internacional polo brutal asasinato do xornalista Jamal Khashoggi no consulado saudita de Istambul, Turquía, en 2018, perpetrado por axentes enviados polo líder de facto do país, o príncipe herdeiro Mohammad bin Salman, que non confirmou a súa asistencia á reunión.

Comentarios