A conservadora María Corina Machado, inhabilitada por corrupción, será a candidata opositora a Maduro en Venezuela

"Hoxe recibín un mandato e comprométome a facelo valer. En 2024 imos gañar", celebrou, após facerse con até 93% dos votos nas primarias.
María Corina Machado en Caracas na madrugada do domingo á segunda feira. (Foto: Elena Fernández / Europa Press / Contacto)
photo_camera María Corina Machado en Caracas na madrugada do domingo á segunda feira. (Foto: Elena Fernández / Europa Press / Contacto)

María Corina Machado, da lista Vente Venezuela, foi elixida nas primarias que agrupan boa parte da oposición venezolana como a súa candidata ás eleccións presidenciais de 2024, segundo vén de confirmar o reconto. Con perto de 26% do voto escrutado, Machado obtivo 93% dos sufraxios, unha esmagante vitoria fronte á decena de candidatos que aspiraban a liderar a principal papeleta opositora.

A dirixente conservadora, porén, está inhabilitada para exercer cargos públicos por acusacións de corrupción vinculadas co ex autoproclamado presidente Juan Guaidó. A súa principal proposta é a privatización da compañía pública Petróleos de Venezuela.

"Hoxe recibín un mandato e comprométome a facelo valer. En 2024 imos gañar", proclamou Machado, no seu primeiro discurso público, recollido polo xornal El Nacional. A opositora aspira a "pasar páxina á tiranía do poder que representa o chavismo", dixo, se ben a súa inhabilitación, a día de hoxe, impediríalle presentarse aos comicios.

"Fronte a todos os obstáculos, fronte a todos os atropelos, fronte a todos os prognósticos, Venezuela derrubou todas as barreiras", salientou Machado, que se dirixiu a quen quere "traer os seus fillos de volta" e quen "están presos pola tiranía". Cre que a súa lista representa "unha nova oportunidade de recuperar a liberdade".

Comentarios