Decenas de mortas e feridas nun ataque israelí contra tendas de campaña de refuxiados en Rafah

Bombardeo sobre Mawasi.
Sen titulo
photo_camera Cadáveres entre as tendas despois do ataque

No mínimo 25 persoas morreron e outras 50 resultaron feridas nun ataque israelí contra tendas de campaña en Mawasi, ao noroeste de Rafah. Segundo o Ministerio de Sanidade gazatí, os mortos no masacre contra tendas de desprazados ascenderon a 25, pouco despois de que a Media Lúa Vermella Palestina (PRCS, polas súas siglas en inglés) anunciase nun comunicado trasladar xa 18 cadáveres.

A estes falecidos hai que sumar dous máis no norte da cidade de Rafah, no barrio de Khirbet al Adas, segundo fontes palestinas; ademais doutros cinco mortos no bombardeo de dúas vivendas ao norte da cidade de Gaza.

"Toda a cidade de Rafah é unha área de operacións militares israelís", dixo Ahmed al Sofi, alcalde de Rafah, nun comunicado difundido en Telegram. "A cidade vive unha catástrofe humanitaria e a xente está a morrer dentro das súas tendas debido aos bombardeos israelís".

Tamén na cidade de Gaza, cazas israelís bombardearon unha residencia en Beach Camp, ao oeste da cidade, o que provocou a morte de polo menos dez cidadáns, ademais doutros 17 feridos trasladados ao hospital.

No barrio de Zeitun, ao sueste, outros dous gazatís perderon esta sexta feira a vida en ataques. Israel matou outras dez persoas noutro ataque sobre o campo de refuxiados da Al-Shati, na capital da faixa.

Desde o inicio da invasión  israelí en Gaza, hai oito meses e medio, máis de 37.460 gazatís morreron, na súa maioría mulleres e nenos, e uns 85.700 resultaron feridos, segundo Sanidade.

Comentarios