Os Estados Unidos estudan alcanzar un acordo con Hamás e sen Israel se as negociacións dunha tregua volven fracasar

Washington busca a liberación de cinco estadounidenses en Gaza.
O presidente estadounidense, Joe Biden, e o seu homólogo francés, Emmanuel Macron. (Foto: Saul Loeb / AFP / DPA vía Europa Press)
photo_camera O presidente estadounidense, Joe Biden, e o seu homólogo francés, Emmanuel Macron. (Foto: Saul Loeb / AFP / DPA vía Europa Press)

No contexto da obstaculización por parte do Goberno de extrema dereita israelí das negociacións coa organización palestina Hamás, que goberna a Faixa de Gaza, para alcanzar un acordo de alto o fogo cun intercambio de persoas palestinas detidas en Israel por israelís detidas no enclave palestino, o Executivo de Joe Biden nos Estados Unidos avaliou a posibilidade dun acordo bilateral con Hamás se as conversas que están en marcha volven fracasar, recolleu a segunda feira a canle NBC citando funcionarios gobernamentais.

Estas negociacións, que se desenvolverían por medio de interlocutores qatarís, non incluirían Israel, e con elas Washington pretende que sexan liberados cinco estadounidenses que considera están detidos en Gaza, así como os corpos doutros tres.

O medio incide en que os funcionarios “non sabían que podería dar Estados Unidos a Hamás a cambio”, especulando con que o incentivo para a forza palestina podería ser tensar “aínda máis as relacións entre os Estados Unidos e Israel”, o que ao tempo “exercería presión política interna adicional” contra o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, para acabar coa agresión militar a Gaza.

Distintas versións

A última proposta freada por Netanyahu foi anunciada polo propio Biden, que chegou a afirmar que fora pactada con Israel a pesar de que foi moi cuestionada polo réxime de apartheid.

O certo é que máis dunha semana despois non se produciron avances. Aínda así, Washington presentou esa proposición ao Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU), que a segunda feira prevía votala.

En todo caso, a presión interna contra Netanyahu medrou despois de saír do Goberno Benny Gantz e Gadi Eisenkot.

Comentarios