Francia nacionalizará por completo a empresa eléctrica EDF para garantir o subministro

O Estado francés xa é posuídor de 84% da compañía.
Sede de EDF. (Foto: EDF)
photo_camera Sede de EDF. (Foto: EDF)

A primeira ministra de Francia, Élisabeth Torne, anunciou esta cuarta feira ante a Asemblea Nacional que o Estado francés nacionalizará por completo a empresa de enerxía Electricité de France (EDF), co obxectivo de garantir o subministro eléctrico no país.

Borne detallou que o Estado posuirá 100% do capital de EDF. Agora mesmo xa é propietaria de 84% dunha compañía que presenta unha débeda de 43.000 millóns de euros.

Para a primeira ministra, a nacionalización total da empresa eléctrica permitirá deseñar "proxectos ambiciosos". Estas palabras chegan despois de que o presidente de Francia, Emmanuel Macron, expresase a súa intención de estabelecer seis novos reactores nucleares a partir de 2035, cun custo estimado de 52.000 millóns de euros.

Neste sentido, a dirixente sinalou na súa intervención ante a Asemblea Nacional que "a transición enerxética pasa pola enerxía nuclear", que definiu como unha "descarbonizada, soberana e competitiva".

"Soberanía enerxética" de Francia

A primeira ministra francesa explicou que nos vindeiros meses o Executivo traballará para garantir a "soberanía enerxética" de Francia, así como a "preservación do poder adquisitivo".

Neste sentido, Borne subliñou que a partir de setembro comezarán a definir obxectivos sectoriais e territoriais de redución de emisións de carbono, coa intención de ser "a primeira gran nación ecolóxica que abandonará os combustíbeis fósiles" e apostar por completo por outro tipo de enerxías.

En total, 58 reactores nucleares xeran 70% da electricidade consumida en Francia. Porén, actualmente esa porcentaxe é moito menor, debido a que varios deles están parados para o desenvolvemento de tarefas de mantemento.

Comentarios