Segundo fontes da canle pública de TV de Hungría, MTVA, recollidas polo xornal británico The Guardian, o país decidiu non participar no festival da canción de Eurovisión no medio de especulacións de que o certame é «gay de máis» para o Goberno de extrema dereita.
Hungría conta cun Executivo que desde 2010 preside Viktor Orbán, líder da formación ultra Fidesz-Unión Cívica Húngara. Non hai comunicado oficial polo de agora, mais estas mesmas fontes asumen que detrás da decisión está a manifesta hostilidade polas ligazóns entre Eurovisión e os grupos LGBT+.
Recentemente, un comentarista favorábel ao Goberno describiu Eurovisión como «flotilla homosexual» e afirmou que sería mellor que Hungría non participase no festival pola «saúde mental» do país.
Presións na TV pública
As fontes da MTVA aseguraron, ademais, que desde a dirección da canle de TV se desincentiva a cobertura positiva das novas relacionadas cos dereitos dos grupos LGBT+.
Nun comunicado, a MTVA sinalou: «En troques de tomar parte no Festival da Canción de Eurovisión de 2020, apoiaremos directamente as valiosas creacións dos talentos da música pop húngara».