Con só oito anos Ahmed, un neno francés, foi interrogado por policías nunha comisaría de Niza por “apoloxía do terrorismo”. O Colectivo contra a Islamofobia de Francia e Sefen Guez, avogado da crianza e da súa familia, denunciaron os feitos. O letrado alertou sobre o “estado de histeria colectiva” que se viven no país galo após o atentado contra ‘Charlie Hebdo’.
O motivo que desembocou na presenza deste menor na comisaría da xendarmería francesa foi unha pregunta do seu mestre á aula de primaria onde estuda Ahmed. O mestre preguntoulles se se sentían ‘Charlie’, en referencia ao lema de ‘Je suis Charlie’. O neno dixo que non, que non se sentía Charlie e engadiu: “Eu estou cos terroristas”.
A dirección do colexio presentou denuncia perante a policía
O profesor puxo en coñecemento da dirección do centro o sucedido, e os responsábeis convocaron os pais de Ahmed. Aliás, presentaron unha denuncia perante a policía francesa. O Ministerio de Educación recoñece a existencia dunha denuncia, mais dirixida contra o pai de Ahmed.
Unha vez que Ahmed estivo en comisaría a policía preguntoulle que significaba a palabra terrorismo. “Non o sei”, respondeu o rapaz. Tamén lle preguntaron se dixera na aula que os xornalistas mererían morrer. “Non o dixen”, respondeu. O avogado di que o neno si que recoñeceu dicir que estaba do lado dos terroristas.