Irán sopesa a resposta a Israel entre o temor a unha guerra cos Estados Unidos

No medio do xenocidio contra o pobo palestino en Gaza e da fame masiva causada no enclave, o réxime de apartheid sionista intenta forzar unha escalada rexional da agresión militar ao bombardear unha sede diplomática iraniana na capital siria, Damasco.
Os equipos de rescate tratan de atopar superviventes a segunda feira logo do ataque israelí contra o consulado iraniano na capital siria. (Foto: Ammar Safarjalani / Europa Press)
photo_camera Os equipos de rescate tratan de atopar superviventes a segunda feira logo do ataque israelí contra o consulado iraniano na capital siria. (Foto: Ammar Safarjalani / Europa Press)

"Ao atacar unha instalación diplomática iraniana, Israel cruzou unha liña”, asegurou a terza feira Ali Vaez, do International Crisis Group, que cualificou como “unha escalada significativa” por parte do Goberno de extrema dereita sionista o bombardeo a segunda feira contra o consulado de Irán en Damasco, a capital siria, pegado á embaixada, no que morreron trece persoas, seis sirias e sete asesores militares iranianos, entre eles os xenerais de brigada Mohamad Reza Zahedi e Mohamadhadi Hayi Rahimi.

Estes asasinatos constitúen o ataque máis importante contra o Exército da Garda Revolucionaria Islámica, unha das pólas das Forzas Armadas iranianas, desde que os Estados Unidos mataron o xeneral de división Qasem Soleimani nun bombardeo en Bagdad, no Iraq, en 2020.

O aiatolá Ali Khamenei, xefe de Estado de Irán, proclamou que “Israel será castigado” polo ataque, e o presidente Ebrahim Raisi reiterou que “o crime covarde non quedará sen resposta”, explicando o bombardeo como un intento israelí de perpetrar asasinatos indiscriminados “para salvarse” despois de fracasar na tentativa de “destruír a vontade da fronte de resistencia”.

Aínda que Israel non aceptou a autoría, como é habitual nestes casos, o titular de Defensa, Yoav Gallant, insistiu en que están no medio dunha guerra con múltiples frontes “tanto ofensivas como defensivas”, e o xornal The New York Times citou catro funcionarios israelís que ratificaron a súa responsabilidade, mais aducindo que o edificio atacado non tiña status diplomático. Con todo, Stéphane Dujarric, voceiro de António Guterres, secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), condenou o ataque e reafirmou que “o principio de inviolabilidade dos locais e do persoal diplomático e consular debe respectarse en todos os casos”.

Ademais de reclamar moderación, como fixo unha Unión Europea (UE) que até o de agora non pediu un alto o fogo na agresión israelí a Gaza, considerada por persoas expertas da ONU como un xenocidio, Dujarric alertou de que “calquera erro de cálculo podería conducir a un conflito máis amplo”.

O certo é que a pesar de que Irán leva desde o comezo da agresión militar á Faixa evitando unha escalada, os ataques israelís contra os seus aliados e asesores militares en Siria, enviados para apoiar o presidente, Bashar al Assad, na guerra contra grupos armados liderados por entidades terroristas xihadistas financiadas e armadas por Israel, estanse a multiplicar.

A pasada semana, bombardeos atribuídos ao réxime de apartheid mataron medio centenar de persoas en Alepo, incluídos soldados sirios e membros da formación libanesa Hezbolá, integrada no Eixo da Resistencia en defensa de Palestina.

Escalada?

Vaez detalla que “o dilema de Irán é que non responder podería indicar debilidade”, mais “as represalias corren o risco dunha acción máis dura dos Estados Unidos ou Israel”. “É realmente un momento complicado”, apunta Dorsa Jabari, xornalista de Al Jazeera en Tehran, a capital iraniana, debullando que a imaxe de debilidade que xeraría que Irán non “responda con suficiente forza” tamén afectaría aos grupos apoiados polo país na rexión. Porén, de contestar “con forza, podería correr o risco dunha confrontación total cos Estados Unidos”.

Sexa como for, os asasinatos “están sendo vistos como unha proba para o sistema iraniano”, polo que a maneira na que o país “decida avanzar será fundamental, non só para a súa posición na rexión, senón tamén para o futuro da clase dominante”.

O ex embaixador estadounidense no Iraq e Turquía, e asesor adxunto de seguridade no mandato de George W. Bush (2001-2009), James Jeffrey, sinalou a falta dunha resposta contundente ao asasinato de Soleimani como unha proba de que “se se golpea duramente a Irán” non optará por unha intensificación do conflito.

Non obstante, matizou que desta “vez podemos estar equivocados, a guerra non é algo claramente obvio”, subliñando que Washington non lanzará ningunha “acción específica contra Israel por isto”, despois de avalar os masivos crimes de guerra e de lesa humanidade dos que foi acusado o réxime de apartheid israelí en Gaza, armalo e ofrecerlle cobertura diplomática.

Neste sentido, Jabari informou que a “retórica” das autoridades iranianas “indica que haberá unha resposta contundente” no marco da “forte presión para que a Garda Revolucionaria aproveite o momento para amosar forza”.

Ao tempo, Bassam Abu Abdallah, que encabeza o Centro de Investigación Estratéxica de Damasco, aseverou que “a tendencia vai cara á escalada, poderíamos empezar a ver un aumento dos ataques contra bases estadounidenses en Siria, o Iraq ou outros lugares”.

De feito, o primeiro destes ataques xa foi confirmado polo Observatorio Sirio de Dereitos Humanos, que reportou o lanzamento dun drone contra a base militar de Washington en Tanf, na fronteira siria co Iraq. Amais, Israel bombardeou un posto militar no sur sirio, o que xustificou nun presunto ataque contra os Altos do Golán, territorio sirio ocupado polos sionistas.

Netanyahu admite o asasinato de cooperantes

Este tipo de cousas “suceden na guerra”, fixo fincapé a terza feira o primeiro ministro do Executivo ultradereitista israelí, Benjamin Netanyahu, ao admitir que os militares sionistas asasinaron sete traballadores humanitarios de World Central Kitchen (WCK), unha ONG do cociñeiro español José Andrés Puerta, ao alcanzar “de forma non intencionada” o convoi humanitario no que se desprazaban por Gaza.

Namentres, o Exército anunciou que unha suposta entidade independente -mais dirixida por tropas israelís- investigará o acontecido, após as demandas dos seus principais aliados para que desenvolva pescudas exhaustivas e transparentes ao constatarse que, ademais de tres palestinos, faleceron un británico, un polaco, un australiano e un cidadán con dobre nacionalidade dos Estados Unidos e o Canadá.

Os medios árabes destacaron a rapidez coa que Israel ofreceu explicacións dos feitos ao tratarse de vítimas estranxeiras, a diferenza do que ocorre normalmente coas mortes palestinas. No mínimo 32.916 persoas foron asasinadas en Gaza por Israel desde o inicio da agresión militar en outubro.

Amais de WCK, Anera, que dirixe a segunda maior misión humanitaria na Faixa despois da liderada pola ONU, suspendeu as súas operacións pola falta de seguridade na zona.

Comentarios