Israel desinforma para evitar asumir o asasinato de persoal humanitario

As probas contradín o relato que trata de impulsar o réxime de apartheid.
Corpo dun dos traballadores humanitarios asasinados sendo trasladado a cuarta feira. (Foto: Mohammed Talatene / DPA vía Europa Press)
photo_camera Corpo dun dos traballadores humanitarios asasinados sendo trasladado a cuarta feira. (Foto: Mohammed Talatene / DPA vía Europa Press)

Herzi Halevi, que lidera o Estado Maior do Exército israelí, sostivo a cuarta feira que o informe preliminar sobre o asasinato en Gaza de sete membros da organización World Central Kitchen (WCK), catro deles de países occidentais, conclúe que os militares non tiñan “intención de danar os traballadores humanitarios”, explicando o ataque da segunda feira como resultado dunha “identificación errónea”, 24 horas máis tarde de defender que foi un ataque non intencional.

Porén, as probas dispoñíbeis apuntan que, como noutros casos similares, como o bombardeo do hospital al Ahli, as afirmacións do réxime de apartheid sionista non son certas e están orientadas a negar ou minimizar a súa responsabilidade.

Convoi coordinado con Israel

WCK detallou que os movementos do convoi foron coordinados co Exército israelí. Amais, o equipo de verificación da canle Al Jazeera reconstruíu o ataque contra a caravana de tres vehículos, todos eles identificados no teito e nos parabrisas como pertencentes a WCK.

O estudo indica que os ataques foron intencionais, como amosa que tres ataques consecutivos foran dirixidos contra cada un dos vehículos. O segundo coche foi bombardeado a 800 metros do primeiro, e o terceiro a 1,6 km do segundo.

Estratexia sionista contra a axuda humanitaria

Asemade, a relatora especial da Organización das Nacións Unidas para Palestina, Francesca Albanese, salientou que, “coñecendo como opera Israel, a miña avaliación é que as forzas israelís mataron intencionalmente os traballadores de WCK para que os doantes [de axuda humanitaria] se retirasen e os civís de Gaza poidan seguir morrendo de fame en silencio”.

Arredor de 200 persoas de equipos humanitarios foron asasinadas por Israel desde outubro.

Comentarios