VÍDEOS NO INTERIOR | Google despide 28 traballadores e traballadoras que protestaron por un contrato tecnolóxico con Israel

A compañía tecnolóxica estadounidense Google despediu 28 traballadores e traballadoras tras protagonizar unha serie de protestas contra o Proxecto Nimbus, valorado en 1.124 millóns de euros, para proporcionar servizos na nube e de Intelixencia Artificial ao Goberno israelí.
Protesta do persoal de Google (Foto: Attaullah khogyani).
photo_camera Protesta do persoal de Google (Foto: Attaullah khogyani).

A compañía tecnolóxica estadounidense Google despediu 28 traballadores e traballadoras tras protagonizar unha serie de protestas contra o Proxecto Nimbus, valorado en 1.124 millóns de euros, para proporcionar servizos na nube e de Intelixencia Artificial ao Goberno israelí.

"Esta tarde, Google despediu indiscriminadamente 28 traballadores e traballadoras, incluídas aquelas de entre nós que non participaron directamente na histórica sentada de onte [pola terza feira], que durou 10 horas", sinala un comunicado de No Tech For Apartheid Campaign (Non á Tecnoloxía para o Apartheid), organización de parte do persoal de Google e Amazon que pide acabar co Proxecto Nimbus.

Neste sentido, a organización asegurou que este "flagrante acto de represalia" é indicador de que Google "valora máis" o seu contrato "co Goberno e o Exército xenocidas israelís" que ao seu propio persoal, quen tamén se queixa de ter sido ignorados polo altos cargos da compañía durante tres anos.

Boa parte do cadro de persoal realizou esta terza feira unha sentada de 10 horas nas oficinas das cidades de Nova York, Seattle, Sunnyvale e California (todas elas nos EUA), que foi retransmitida en director polo servizo de Twitch. Até nove manifestantes sufriron un arresto despois de que a dirección de cada filial chamase á Policía, segundo denunciou a propia organización.

"Hoxe [pola cuarta feira] castigaron con despedimentos masivos a todos os traballadores e traballadoras que puideron asociar a esta acción mediante unha rede de vixilancia nas oficinas. Google alegou  'intimidación' e 'acoso' como a motivación destes despedimentos. Se houbo intimidación ou acoso na empresa, os nosos compañeiros e compañeiras de Palestina, así como árabes e musulmás, foron as destinatarias", engadiron.

"Mostras de apoio"

Neste sentido, desmentiron as afirmacións de Google sobre pintadas na propiedade ou sobre "impedir fisicamente" o traballo de outras persoas, e a organización asegurou que non houbo danos á propiedade nin ameazas a compañeiros e compañeiras. "Polo contrario, recibiron unha resposta incribelmente positiva e mostras de apoio", concluíron.

Comentarios