João Lourenço busca a quinta vitoria do MPLA nas eleccións desta cuarta feira en Angola

Enquisas prognostican unha suba de sufraxios a prol da UNITA.
O presidente de Angola, João Lourenço, participa nunha reunión entre os países africanos e a China decorrida en Beijing. (Foto: Ju Peng / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera O presidente de Angola, João Lourenço, participa nunha reunión entre os países africanos e a China decorrida en Beijing. (Foto: Ju Peng / Zuma Press / Contactophoto)

O presidente angolano desde 2017, João Lourenço, do Movimento Popular de Libertação de Angola (MPLA), busca a reelección nos comicios que nesta cuarta feira decorren no país africano, as quintas eleccións xerais desde o acordo de paz en 1991, iso si, con interrupcións ao retomar a União Nacional para a Independência Total de Angola (UNITA) unha guerra civil que non deu rematado até 2002, e que até ese ano correu en paralelo á independencia do país.

Non obstante, se hai algo que o Observatorio Electoral do país destaca desde o comezo da campaña o 24 de xullo é que o proceso se desenvolveu con tranquilidade, en comparación aos choques das semanas anteriores. Neste sentido, os principais partidos comprometéronse a profundar nas propostas e evitar a degradación do opoñente, en liña coas exixencias do electorado, apunta a entidade, o que non evita que haxa tensión nun proceso no que se denunciou o efecto da desinformación. Principalmente, no que atinxe ás enquisas.

Por parte do Goberno, defínense como fraudulentas as sondaxes difundidas pola oposición, a cargo de dúas entidades de recente creación, o Movemento Cívico Mudei e AngoBarómetro, que prognostican unha vitoria da coalición electoral liderada pola UNITA xunto a pequenas forzas conservadoras, a Fronte Patriótica Unida (FPU), que presenta como candidato a Adalberto Costa.

Os seus traballos outórganlle 54% dos sufraxios, 28% ao MPLA, 8% á Convergência Ampla de Salvação de Angola , unha escisión de centro esquerda da UNITA, 3% ao progresista Partido de Renovação Social, e menos de 3% á Frente Nacional de Libertação de Angola (FNLA), que loitou na guerra apoiando a UNITA co financiamento dos Estados Unidos e da Suráfrica do apartheid. De acertar estas sondaxes, o MPLA perdería o poder tras 47 anos.

Así e todo, os traballos de entidades como o POB Brasil e AngoPolls colocan o MPLA na contorna de 60% dos votos, con UNITA no 33% e o resto con 7%. Estes estudos  son catalogados a súa vez pola oposición como falsos.

Eleccións tras Dos Santos

Estas son as cuartas eleccións posteriores á guerra civil e as primeiras após o falecemento de José Eduardo dos Santos, presidente do país desde 1979 a 2017, despois da morte de Agostinho Neto.

"Debemos darlle a alegría de ver o seu MPLA gañar estas quintas eleccións, esa é a mellor maneira de honralo", incidiu Lourenço no comezo da campaña, antes de prometer a construción dun ferrocarril interurbano en Luanda, a capital; un impulso ao emprego, e mais unha refinería no país. Angola é o segundo produtor de petróleo de África.

Pola súa parte, Costa criticou que "estivemos moito tempo na pobreza, sen cartos, sen beneficiarnos do petróleo, e temos a obriga de aprender da nosa historia para non repetir os mesmos erros".

Denuncias de fraude

Como vén sendo habitual en todos os procesos electorais do país, que con posterioridade son avalados por todas as entidades internacionais, a oposición leva meses denunciando unha suposta fraude nos comicios, neste caso da que acusa a empresa española Indra, contratada para o 
proceso electoral.

O partido máis votado da Asemblea  gaña a Presidencia

A Constitución angolana indica que "a persoa que encabece a lista nacional do partido político ou coalición que obteña máis votos será elixido presidente da República e xefe do Executivo". Con respecto ás lexislativas, 130 das 220 deputadas e deputados son elixidos nunha lista nacional por método simple, e os 90 asentos restantes proveñen dunha elección dividida por 18 distritos electorais na que se utiliza o método D'Hont.

Segundo ratificou o presidente, estas eleccións supoñen un novo paso na consolidación do sistema democrático no país tras a guerra civil, nunha situación na que os ecos do conflito da UNITA e da FNLA en contra do Estado angolano aínda resoan. Na primeira lexislatura de Lourenço o traballo pola reconciliación ocupou unha parte relevante do seu mandato.

Comentarios