Madrid dirixe a política de Podemos en Andalucía

A dirección do partido desdí a deputada andaluza Teresa Rodríguez e condiciona as negociacións co PSOE de cara á investidura de Susana Díaz.

Teresa Rodríguez
photo_camera Susana Díaz e Teresa Rodríguez [@TeresaRodr_]

Após as eleccións ao Parlamento de Andalucía e da irrupción de Podemos como terceira forza máis votada (15 escanos) os focos de atención centráronse no partido que lidera Pablo Iglesias e no papel que xogará durante o debate de investidura. A súa voceira na Cámara andaluza, Teresa Rodríguez, foi a este respeito clara condicionando as negociacións co PSOE de Susana Díaz a tres 'liñas vermellas': a demisión de Griñán e Chaves --imputados no caso dos EREs-- a ruptura das relacións entre o goberno andaluz e as entidades financeiras que desafiuzan familias sen recursos e a redución de altos cargos. 

Porén, horas máis tarde, desde a dirección central en Madrid desdicían as declaracións de Rodríguez e do grupo parlamentar ao aseguraren que non se trataban de "condicionantes", senón de "propostas", apuntou Ángela Ballester, integrante da executiva de Podemos. Rodríguez tivo de saír ao paso através da súa conta oficial na rede social Twitter para aclarar que as 15 persoas que integran o grupo parlamentar "non facilitaremos un goberno que vaia en contra dos andaluces". 

O partido designou dous representantes para negociar o debate de investidura, Sergio Pascual e Maruel Garí, ningún dos dous é deputado

As divisións internas plásmanse tamén na base militante da formación. Neste senso, unha parte da afiliación demanda a convocatoria dun referendo para determinar a posición política que adoptará o partido liderado por Pablo Iglesias, entre outras cuestións perante a incerteza que paira por mor dun hipotético apoio de Podemos á investidura de Díaz como presidenta após máis de 30 anos de goberno socialista e a abertura de procesos de investigación entre os seus integrantes imputados por corrupción. 

Mais desde Madrid deixaron claro que non haberá consulta algunha entre a militancia, senón que será unha delegación a que xestione as relacións co PSOE. A delegación estará integrada por Sergio Pascual, secretario de Organización de Podemos e Manuel Garí, un dos asesores de campaña de Teresa Rodríguez. 

Desde Madrid afirman que "non é supervisión nen control", mais para comezar ningún dos dous representantes, nen Pascual nen Garí, son deputados no Parlamento andaluz. 

Comentarios