O Tribunal Supremo (TS) dos Estados Unidos de América (EUA) podería aprobar unha importante limitación dos dereitos ao aborto nese país aproveitando a súa actual maioría conservadora.
A actual lei, estabelecida en 1973 e denominada Roe v. Wade, avala até agora que os Estados non poidan prohibir o aborto antes do punto de viabilidade fetal, que estiman, en xeral, entre as 22 e as 24 semanas de embarazo.
Unha querela do Estado de Mississipi contra a única clínica que practica a interrupción do embarazo nese período legal chegou agora ao Supremo e ameaza con reducir ese período ás 15 semanas.
Nun principio, esta mesma sexta feira podería ter lugar a votación, aínda que o resultado chegaría en xuño ou en xullo, segundo The Washington Post, antes do remate do curso xudicial.
Maioría conservadora no actual Supremo
A decisión que tome o TS non só afectaría ese caso. Serviría para sentar un precedente que abriría outros litixios nos Estados máis conservadores.
A actual composición deste alto tribunal, após as incorporacións de Neil M. Gorsuch, Brett M. Kavanaugh e Amy Coney Barrett realizadas por Donald Trump, deixan en seis os votos o sector máis conservador fronte os tres no máis progresista.
Nas declaracións realizadas por parte de maxistradas e maxistrados esta semana percibiuse a polaridade dunha determinación que podería deixar en mans dos propios Estados a última palabra sobre o tema.
A parte liberal do TS sinalou que a decisión final podería danar a propia reputación da institución, tendo en conta que só este ano tribunais inferiores promulgaron máis de 100 leis que limitan o dereito ao aborto.