Morre o ex alcalde de Marbella Julián Muñoz

Julián Muñoz nunha imaxe de 2019. (Foto: Álex Zea / Europa Press)
photo_camera Julián Muñoz nunha imaxe de 2019. (Foto: Álex Zea / Europa Press)

O ex alcalde de Marbella (Málaga) Julián Muñoz faleceu esta madrugada aos 76 anos no hospital no que estaba ingresado desde había máis dunha semana debido a un empeoramento da súa saúde polo cancro de pulmón que sufría, segundo informaron a Europa Press fontes próximas á familia.

Muñoz, que ingresou no hospital marbellí o domingo día 15 de setembro de urxencia tras sufrir un empeoramento, permanecería sedado desde a tarde desta pasada segunda feira, cando toda a familia se desprazou até o centro hospitalario para estar xunto a el, como fixeron estes días a que foi durante moitos anos a súa muller, Maite Zaldívar, e a súa filla Elia.

Julián Muñoz naceu o 24 de novembro de 1947 en El Arenal (Ávila). Foi concelleiro en distintos equipos de goberno do Grupo Independente Liberal (GIL) en Marbella desde 1991, con Jesús Gil como rexedor, actuando como alcalde accidental en numerosas ocasións, pola inhabilitación de Gil.

Posteriormente, estivo á fronte do Concello pouco máis dun ano, de maio do 2002 a agosto de 2003, cando foi desaloxado da Alcaldía por unha moción de censura.

Condenado

Muñoz estivo no cárcere inicialmente por varias condenas por delitos relacionados coa autorización de licenzas urbanísticas; pero os seus procedementos xudiciais máis coñecidos foron o caso 'Malaya', contra a corrupción no Concello marbellí, e o caso de branqueo no que tamén foron xulgadas Maite Zaldívar e a cantante Isabel Pantoja, que foi a súa parella.

Polo caso 'Malaya' foi condenado a dous anos de prisión e polo branqueo de capitais, a sete anos de cárcere. A súa liña de defensa sempre foi a mesma en todos os procesos, que asinaba todos os documentos que lle poñían por diante sen saber o contido; "asinaba até os capós dos coches"; xa que se fiaba dos técnicos.

Tras varias entradas e saídas de prisión, obtivo o terceiro grao penal –só tiña que ir durmir a un centro de inserción social– por enfermidade e en xuño de 2021, a liberdade condicionada por "pluripatoloxía grave e incurábel", segundo os informes médicos.

Comentarios